É un proxecto de desenvolvemento coordinado pola Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, da Universidade de Vigo.
A protección da rede hidrográfica, a conservación dos bosques ou o cultivo de cacao como alternativa á coca. Estes son algúns dos traballos nos que se enmarca o proxecto de desenvolvemento sostible levado adiante polo grupo de investigación AF4 da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal. O seu director é Enrique Valero e conta co apoio da Universidade de Vigo, coa de La Molina de Perú, do Ministerio de Agricultura, da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e a Fundación Biodiversidade, ademais dos gobernos da zona.
Cacao no lugar de coca
Unha das ong's máis activas na zona, a CIMA, puxo a disposición do grupo os técnicos da rexión, así como varias parcelas experimentais para desenvolver distintos tipos de cacao. A previsión inicial era conseguir a conservación integral dun 30% da plantación, mais co tempo os obxectivos van mellorando e reformulándose. Valero chegou a un acordo co Instituto de Recursos Naturais para facelo seguindo criterios de protección da rede hidrográfica ou da conservación do bosque. Ademais, traballarase nun inventario de existencias forestais seguindo criterios científicos, xa que o que existía até o momento non se adaptaba á realidade.
Colaboración coa poboación
O proxecto tamén contempla traballos cos peruanos da zona (aldea de Pucallpa), na ribeira dun afluente do Amazonas. O grupo de investigación mantén ademais unha boa relación coas autoridades, co colexio e cas actividades sociais. Segundo explica Valero "malia que as condicións ambientais son moi boas, tamén é certo que as temos idealizadas". Neste sentido, explica que os residentes teñen como comúns prácticas como a queima de porcións de terreo para plantar bananas, iucas, arroz ou freixóns, de xeito que cando xa non dan rendemento, proceden a queimar outras parcelas para seguir avanzando. "Prodúcese así unha deforestación da zona", di Valero, quen tamén apela a outras prácticas, como "o desgaste realizado polos materos, que acabaron coas zonas primarias ao levar toda a madeira de valor".