Ante a posibilidade de que Chile se bote atrás, comezan as negociacións internacionais para procurar un novo rival. Os primeiros que se ofrecen e entran no mercado, os bosnios.
A selección de Bosnia e Hercegovina
Segundo puido saber Vieiros, a través dunha chamada do intérprete e tradutor galego Jairo Dorado, que se atopa en Serbia, os medios de comunicación do país falan da posibilidade de que a irmandiña xogue contra a selección de Bosnia.
Ao parecer, polas mesmas datas o combinado serbobosnio ten un encontro en Israel contra o combinado nacional dese país. Esta selección está formada por xogadores que habitan na República autónoma Srpska ou República Serbia, unha das dúas entidades políticas que forman a República de Bosnia e Hercegovina, en conxunto coa Federación de Bosnia-Hercegovina.
Ao parecer, o interese da Federación Bosnia de Fútbol é parar, por todos os medios, o encontro dos serbobosnios contra Israel, e un xeito de facelo é "chamar a fileiras" aos xogadores para participar, coa selección de Bosnia e Hercegovina nun encontro que eles denominan "pseudo-oficial", por exemplo, contra Galiza.
De feito, a Federación de fútbol do ente serbio de Bosnia pediu, o pasado mes de outubro, o mesmo "trato que os combinados autonómicos españois, que poden xogar amigábeis", cando a FIFA teimara en non autorizalos a xogar un encontro co equipo sub-21 de Serbia. Naquela altura, a FIFA rexeitara unha petición enviada pola Federación de Bosnia e Herzegovina (FSBIH) para desenvolver partido o 19 de novembro pasado en Banja Luka, a capital da República Srpska. "A negativa é contraria ao sentido común, xa que non pedimos nada que non lle fose concedido ás seleccións rexionais como a de Cataluña, Euskadi, Galiza e outras", comentara, daquela, o secretario xeral da Federación serbobosnia, Rodoljub Petkovic. Este combinado está, ademais, adestrado por Borce Sredojevic, ex xogador do Deportivo.