Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
AS RIVAIS DAS IRMANDIÑAS

Euskadi, un equipo malo de roer

O equipo vasco, que ten un monte de xogadoras competindo na elite do fútbol estatal, non sabe aínda se vai poder contar coas mellores.

Redacción - 17:50 10/12/2008

A selección de Euskadi disputará o día 28 o seu cuarto partido oficial. Nos seus dous primeiros enfrontáronse a Arxentina, selección situada entre as 30 primeiras do mundo. O resultado aquí foi idéntico, con cadansúa derrota por catro goles a dous. Nestes dous encontros o adestrador foi o guipuzkoano Sebastián Martija. Á saída deste seguiuno un período de transición no que Arantxa del Puerto asumiu a dirección do equipo. Con ela adestrando Euskadi acadou a súa primeira vitoria, vencendo ao equipo chileno sub-20 por dous goles a un.

Esta etapa de transición parece ter rematado coa elección de Juan Carlos Iza como novo seleccionador feminino, decisión oficiosa que aínda non se fixo pública. Iza é recordado polas afeccionadas e os afeccionados ao fútbol feminino por ser o primeiro adestrador do Athletic Club que non gañou a Superliga, na tempada 2005-2006, despois dos tres títulos que conseguiran anteriormente da man de Íñigo Juaristi. Até o momento Iza era o encargado de dirixir o combinado feminino sub-18, polo que o funcionamento do seleccionado vasco non será novo para el.

Iza contará con varios problemas á hora de realizar a súa convocatoria, derivados do esixente calendario da Superliga. O primeiro partido despois do Nadal xógase os días 3 e 4 de xaneiro, polo que moitos clubs volven aos adestramentos na semana do 29 de decembro. Este feito que impide ás súas xogadoras estar no partido de Pasarón, agás un permiso especial dos equipos que polo momento non foi concedido. A outra baixa coa que conta a selección é a da súa gran capitá e líder, Itxiar Gurrutxaga, que deixou o fútbol ao rematar a tempada pasada como capitana da selección de Euskadi, do combinado estatal e tamén do Athletico Club.

Aínda así, non existe ningunha dúbida de que o equipo que presente Euskadi será competitivo. Trátase dunha selección que, en todas as súas categorías, non ten problema para apostar por un partido no que recae nelas o dominio do balón, como tampouco sofren se teñen que procurar a súa oportunidade no contragolpe. Todo dependerá das xogadoras coas que conte o adestrador vasco, mais o esquema habitual da selección foi sempre o 4-3-3, aínda que durante a súa carreira Iza apostou máis por un 4-4-2.

Sendo Euskadi unha das nacións onde antes comezou a tomar forza o fútbol feminino na península, sería demasiado atrevido dicir que van traer a Pasarón un equipo débil. Ademais, a fortaleza física e entrega coa que se asociou de sempre o fútbol vasco están vencelladas tamén a esta aguerrida selección que, independentemente dos nomes, presentará un equipo competitivo disposto a participar nun grande espectáculo deportivo.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: