Vieiros percorreu os corredores do Palexco, tomándolle o pulso á meirande feira das industrias culturais do país. Velaquí a crónica do acontecido.
O Culturgal percórrese en círculo. Comezas a camiñar, atravesando os stands, e cando te decatas deches a volta completa ao Palexco e regresaches ao punto de partida. A metáfora que se supón constitúe a pregunta de se a cultura galega avanza, se sae dos círculos habituais de consumidores, fieis, pero reducidos. Hai melloras, avances a nivel institucional, avances na distribución, axudas ás empresas, apoios aos creadores. Cómpre preguntar polo público. Os índices de lectura en Galiza continúan a ser os segundos máis baixos de todo o Estado, e as cifras reais de venda das obras galegas son moi limitadas. Non é casual: a cultura galega fica nun papel secundario nos medios de comunicación, mesmo na televisión pública, como recordaba este mesmo venres Manuel Rivas. E segue a ocupar un lugar exótico nas librarías, tendas de música, cines e centros comerciais. Un lugar reservado para a cultura galega, unha cota, reducida ademais e subordinada da cultura castelá. Abonda con dar unha volta polo FNAC ou o Corte Inglés da Coruña. En paralelo cos recorrentes debates sobre a internacionalización da cultura galega, Rivas insiste moito niso: na necesidade de recoñecemento interno como paso previo.
Xoves e venres reflexionouse abondo sobre a cultura galega. Aí están a propia obra de Rivas, A corpo aberto, que percorre algún dos seus textos xornalísticos máis brillantes, dende As Encrobas e o Xurelo, até o Prestige e a actualidade. E, sobre todo, o novo libro de Fran Alonso, Un país a medio facer, presentado o xoves no Cultur.Gal, que recolle unha escolma de entrevistas realizadas polo escritor e editor hai xa case vinte anos a numerosos persoeiros da cultura galega. Unha boa maneira de comprobar de que punto partimos, para valorar correctamente onde nos atopamos. As presentacións de Rivas e Alonso son as máis importantes que se verán nesta edición do Cultur.Gal, canda as realizadas por Inma López Silva (premio Blanco Amor de Novela con Memoria de cidades sen luz) o xoves á noite, e Teresa Moure que falou do seu brillante e valente ensaio O natural é político este venres á tardiña.
"Véndese pouco no Cultur.gal"
"Véndese pouco no Cultur.gal", láiase Miguel Anxo Fernán-Vello, o mesmo ou menos ca nunha feira do libro. Xoves e venres pola mañá o público maioritario era rapaces de primaria ou mozos e mozas de instituto, e eles non mercan. O venres pola tarde comezou a mudar a paisaxe. A Coruña é unha cidade paseante e esperábase que a fin de semana aumentase a asistencia. Tampouco os libreiros presentes fixeran moita caixa: "é unha feira na que prima a imaxe, é dicir mirar pero non mercar", brincaba un deles. Seguramente non está de máis unha certa dignificación estética para a cultura galega. Ética e estética van da man, e os stands de Xerais, AGE, Galaxia, AME ou Rinoceronte outórganlle ao Cultur.Gal unha presenza digna dunha cultura de primeiro nivel.
A cultura galega busca abrirse a novos públicos, e o Cultur.Gal procura saír fóra das letras. Ese é un dos grandes cambios con respecto á primeira edición celebrada en Pontevedra o pasado ano. Stands de empresas discográficas e audiovisuais, proxeccións e concertos, showcases, obradoiros de hip-hop. A dimensión do Cultur.gal percíbese na gran cantidade de actividades que conflúen a un tempo. A unha mesma hora poden coincidir o obradoiro de hip-hop para rapaces impartido por García, a presentación do último libro de Pinto&Chinto, proxeccións audiovisuais, lecturas de textos literarios no stand da AELG ou sinaturas de libros. O único descanso chega ao mediodía, hora de xantar cando, co Palexco case baleiro, a emisión en directo do Diario Cultural da Radio Galega, polo que pasaron Manuel Rivas, Teresa Moure, Quique Costas ou Narf, converteuse no centro de atención.
O prato forte do Cultur.Gal agárdase para a noitiña e a noite do śabado. Rivas presenta o seu último libro ás oito da tarde; ás nove, tamén no espazo de presentacións da feira, os protagonistas serán dous libros que trouxeron algo de polémica á moitas veces adurmiñada actualidade cultural galega: o poemario Construcións, de Eduardo Estévez, gañador en primeira instancia (descualificado despois) do premio de poesía da Deputación da Coruña, e Os milagres de Cristamar, a novela de Chelo Suárez gañadora do certame de literatura erótica Narrativas Quentes. Ás nove e media comeza o Music.Gal, un espectáculo protagonizado pola música, o teatro e a poesía. Actuarán Marful, The Homens, Projecto Mourente, Dios ke te Crew e O Sonoro Maxín, e lerán os seus poemas Yolanda Castaño e Estíbaliz Espinosa. Todo nunha gala presentada por Belén Regueira e conducida polo grupo de teatro Chévere.