Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
20 ANOS DE 'FAI UN SOL DE CARALLO'

Belén Regueira: "Descubríronme que non todo era folc e lirismo choromicas"

A xornalista e condutora do programa Extrarradio na Radio Galega -e antes de Chambo na TVG, ambos programas con vontade de difundir o máis actual da música feita no país- recorda que a primeira vez que viu os Resentidos foi nun concerto nas festas da Piedade de Vila de Cruces. "Eu debía de ter doce ou trece anos".

- 20:58 28/05/2006
Tags:

E a esa idade o que supuxo para ela este encontro foi ter "a primeira noticia de que existía o rock en galego, que non todo era folk e lirismo choromicas, todo o contrario da idea que eu tiña daquela da cultura galega". Ademais en opinión da xornalista "deixaron grandes retrousos, que maior mérito ca ese. Sen eles non se entende todo o que veu despois".

Do que está a vir 20 anos despois dá conta Regueira todos os sábados e domingos pola mañá no Extrarradio. "Creo que é unha boa noticia que a principal razón para escoitar pop e rock en galego non sexa a militancia lingüística, senón a calidade e a diversidade musical. Hai moita xente facendo música moi distinta, do pop ao hip hop, da pachanga á electrónica, con letras combativas ou intrascendentes e con máis ganas de facer boas cancións que de facer país. For por iso, pola difusión a través de Internet ou pola atención que empezan a prestar os medios tradicionais, empeza a haber tamén un público máis que testemuñal para o rock en galego".


4,57/5 (7 votos)