Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A pesar da crise

O téxtil dispara as exportacións galegas

Galiza aumentou o seu comercio exterior un 63% en setembro. Neste mesmo período, as súas vendas no téxtil medraron un 22%, gañando uns 870 millóns de euros.

Redacción - 12:40 01/12/2008
O téxtil galego liderou as exportacións, encabezado por Inditex, empresa que ten deslocalizada a maior parte da súa produción

O téxtil galego liderou as exportacións, encabezado por Inditex, empresa que ten deslocalizada a maior parte da súa produción

O pasado mes de setembro foi excepcional para o comercio exterior galego. A pesar de estarmos, xa daquela, en crise, e despois de encadear catro meses consecutivos de caídas, as exportacións non só se recuperaron en setembro, senón que se dispararon un 63%, colocando o noso país como a segunda Autonomía do Estado Español onde máis medraron as vendas ao estranxeiro, por detrás de Canarias. Os datos corresponden á última estatística sobre Comercio Exterior feita pública polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a pasada semana.

En total, as vendas ao exterior galegas superaron os 2.500 millóns de euros, a maior cantidade rexistrada dende que se existen datos (1995).

O téxtil dispara as exportacións galegas
O principal protagonista desta suba das exportacións galegas é o sector téxtil, liderado polas empresas que teñen a súa sede na provincia da Coruña, sobre todo Inditex, compañía que triplicou as súas vendas respecto do ano pasado, con máis de 812 millóns de euros. En total, este sector facturou 871 millóns nas súas vendas ao exterior, un 228% máis que o ano pasado.

Outros sectores con altas taxas de crecemento son o de produtos enerxéticos (medrou un 131%, facturando 42 millóns de euros), o de materias primas (medrou un 78% en setembro) e o dos bens de equipo (maquinaria e material de transporte, que subiu un 22,7%, con 229 millóns de euros). Un dos sectores que máis se viu afectado pola crise no noso país, o da automoción, rexistrou tamén unha suba nas vendas de automóbiles e compoñentes (medraron un 12,5%, até os 478 millóns), mais rexistrou caídas en relación ás vendas acumuladas no que vai de ano.

As exportacións por provincias
Na Coruña medraron as exportacións un 151% en setembro, até os 1.130 millóns de euros, sobre todo lideradas polo sector téxtil. Após A Coruña, Lugo foi a segunda provincia cun maior crecemento, do 62,2%, con 57,3 millóns.

Pontevedra exportou mercadorías valoradas en 809 millóns de euros, un 12,3% máis que en 2007, a pesar da caída significativa da produción na factoría do grupo PSA Peugeot-Citroën. No caso de Ourense, as vendas ao estranxeiro subiron tamén un 10,7%, até recadar 54 millóns de euros.

No que vai de ano, só a provincia de Pontevedra reduciu as súas exportacións (vendeu un 3,8% menos), mentres que A Coruña (+2,8%), Lugo (+3,7%) e Ourense (+0,6%) rexistraron discretas subas. Porén, Pontevedra mantense, sumando o volume de exportacións acumuladas este ano 2008, como a provincia máis exportadora en volume, con 6.651 millóns de euros recadados, seguida da Coruña, Ourense e Lugo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: