Será un grupo específico para o noso país, como o que xa existe en Cataluña e Castela e León. En xaneiro o Ministerio de Industria presentará un plan integral único para o sector. Tamén se falou da fabricación de coches eléctricos.
Esta terza feira xuntábase en Compostela o ministro de Industria, Comercio e Turismo, Miguel Sebastián, cos representantes das nove Comunidades Autónomas do Estado Español nas que existen importantes fábricas de automóbiles: Galiza, Madrid, Cataluña, Aragón, Castela e León, Euskadi, Comunidade Valenciana, Navarra e Andalucía.
Da xuntanza saíu a promesa, por parte do goberno español, de crear, a comezos do ano próximo, un plan integral único para todo o sector da automoción, que será controlado polo departamento de Miguel Sebastián -consensuado coas Autonomías-, mais tamén se falou de traballar no desenvolvemento de medidas reais, a curto prazo, para paliar os primeiros efectos da crise -EREs, despedimentos, peche de cadeas de montaxe ou obradoiros-.
O plan único que anunciou Sebastián, nace para que a industria do automóbil estatal siga sendo "competitiva e potente", e para que as factorías "queden en España". Aínda que non explicou en detalle en que vai consistir este plan, dixo que a idea é "saír da crise o máis rápido posíbel" e que o único xeito de conseguilo é "actuar con rapidez" e "de xeito coordinado coas Comunidades Autónomas". Porén, Miguel Sebastián quixo salientar que as actuacións que se desenvolvan non van "ser de abondo" se a Unión Europea non "arbitra medidas que estimulen a demanda". Esta cuarta feira a Comisión Europea debaterá as propostas dos 27 para reactivar o sector da automoción.
Un grupo de traballo específico para Galiza
O ministro de Industria tamén avanzou que a vindeira sexta feira se vai reunir con responsábeis da planta de PSA Peugeot-Citroën en Vigo e do Goberno Galego para abordar a creación dun grupo de traballo específico para o noso país, que se centro nos problemas e posibilidades do sector en Galiza.
Ao tempo, sinalou que unha das prioridades a tratar "conxuntamente" será a posibilidade de que a planta viguesa poida fabricar "tamén un vehículo eléctrico", tal e como se acordou para Renault en Castela e León, e para Nissan en Cataluña.
Polo seu lado, o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, describiu a xuntanza con Sebastián como "positiva", xa que, ao seu ver, para responder a esta crise "só cabe facelo de xeito coordinado e no marco dun plan europeo".
Demandas de medidas a curto prazo
En demandar medidas a curto prazo para paliar, canto antes, os efectos da crise, coincidiron os representantes das nove autonomías reunidas en Compostela. Tamén Touriño sinalou a necesidade de traballar na formación, na creación de emprego e darlle apoio ás económico ás empresas, ademais de seguir a traballar no desenvolvemento de "medidas a longo prazo, como as estruturais" que recolle o plan anunciado polo executivo español.
Coincidiron coas demandas do presidente galego a conselleira de Industria, Comercio e Innovación valenciana, Belén Juste -quen ve esta crise un "problema conxuntural"-; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía e Emprego da Xunta de Castela e León, Tomás Villanueva; o conselleiro de Innovación, Ciencia e Empresa de Andalucía, Francisco Vallejo -quen tamén avogou por evitar que se produza "un só despido"-;o conselleiro de Economía, Facenda e Emprego de Aragón, Alberto Larraz; e o conselleiro de Innovación, Universidade e Empresa de Cataluña, Jusep Huguet; e a conselleira catalá de Traballo, Mar Serna.
Os cataláns, así como os casteláns-leoneses, tamén falaron da importancia de diversificar a produción e centrarse nos "coches verdes" -híbridos e eléctricos-, "ademais de outros ámbitos da innovación e a área industrial, para enfocar medidas a curto prazo tamén no sector dos compoñentes e auxiliar, que están pasando un mal momento".