Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A partir de 2009

Noruega dá un paso adiante, e decide castigar os clientes da prostitución

Serán multados, mais poden chegar a cumprir até seis meses de prisión; dous anos no caso de tratarse de prostitutas menores de idade.

Redacción - 13:00 21/11/2008
Campaña do concello de Madrid / Flickr: seretuaccidente

Campaña do concello de Madrid / Flickr: seretuaccidente

O Odelsting (Cámara Baixa) do Parlamento Noruegués aprobou esta quinta feira, á noite, unha proposta do goberno para criminalizar a prostitución a partir do primeiro de xaneiro de 2009. A moción, que castiga os clientes, foi apoiada polo Partido Laborista do primeiro ministro, e os seus socios de goberno -Partido de Centro e Partido da Esquerda Socialista-, así como o opositor Partido Popular Cristián.

Con esta nova lei, a contratación de servizos sexuais de prostiotutas adultas será castigada con multas ou penas de prisión de até seis meses, ou unha combinación de ámbalas dúas. No caso de contratar os servizos de prostitutas menores de idade, o cliente podería enfrontarse a penas de até dous anos de cárcere.

Necesidade de crear unha política social parella
O debate, que durou máis de 11 horas, terminou chegada a medianoite, debido ás protestas dos principais grupos da oposición, que criticaron a rapidez coa que se tramitou a lei e a ausencia dunha política social parella. Neste sentido, os representantes do populista-dereitista Partido do Progreso denunciaron que a situación das prostitutas vai ir a peor, e que moitas han seguir traballando "baixo terra".

Porén, o goberno noruegués aprobou a semana pasada unha axuda de 10 millóns de coronas (1,1 millóns de euros) para axudas ás prostitutas, unha vez que esta nova lei entre en vigor. Tamén lle encargaron á fundación norueguesa FAFO a elaboración dun estudo sobre os ambientes de prostitución no país, que se presentará antes de xaneiro do ano que vén, e que se acompañará dunha avaliación das mudanzas que se vaian dando, cando comece a se aplicar a lei.

Porén, a moción do goberno deberá ser aprobada pola Cámara Alta (Lagting), aínda que este paso é considerado como un trámite, xa que normalmente este estamento se limita a sancionar as leis adoptadas polo Odelsting.

O primeiro país en criminalizar a prostitución foi Suecia, en 1999.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: