A Comisión Mixta dos Dereitos da Muller do Congreso dos Deputados xúntase este martes, despois de publicar un informe no que se propón reforzar as medidas contra as mafias e se reclama aos xornais que supriman os anuncios de contactos. Esta comisión creouse tras a iniciativa do tripartito catalán de regular a prostitución voluntaria.
A Cadena SER e o xornal estatal El País adiantaron parte dos contidos deste informe. O estudo conclúe que regular a prostitución contradí os artigos 9 e 14 da Constitución e entra en colisión cos dereitos laborais. No primeiro sinálase a responsabilidade dos poderes públicos de "promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas". O 14 fai referencia á igualdade das persoas perante a lei, sen que poida "prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social". O documento remarca que nos países que a regularizaron aumentou a actividade da prostitución e o tráfico de mulleres. Como medidas, apunta aos recursos á atención, protección e inserción social das mulleres traficadas e recomenda realizar campañas dirixidas aos homes para reducir a demanda, e solicitar aos medios de comunicación que renuncien á publicidade do comercio sexual e aos anuncios de contactos.
A lexislación actual
O Código Penal considera a prostitución como unha actividade derivada do libre exercicio da liberdade sexual das persoas maiores de idade, sempre que estea aceptado polas persoas implicadas e non interveña ningún tipo de coacción. Está nunha situación de alegalidade, xa que, malia non estar tipificada como delito, hai certas actividades puníbeis: no artigo 187, sinálase que quen induza, promova, favoreza ou facilite a prostitución dunha persoa menor de idade ou discapacitada pode ter unha condena de un a catro anos de prisión e multa de doce a vintecatro. As penas increméntanse se a persoa acusada se vale da condición de autoridade ou funcionario público, e se pertence a unha organización ou asociación. No 188 fala da prostitución de persoas adultas: o proxenetismo está penado co cárcere, de un a catro anos. Trátase tanto da indución á prostitución con emprego da violencia, intimidación ou engano, como do feito de lucrarse coa actividade sexual voluntaria doutra persoa. Por último, no artigo 194, cando os servizos sexuais se realicen en estabelecementos ou locais, abertos ou non ao público, pode decretarse a clausura temporal ou definitiva do mesmo.
O Ministerio do Interior está a traballar nun plan específico. Polo de agora, o Partido Popular rexeita a regularización, mentres IU-ICV a defende sempre que sexa voluntaria, e quere que o debate sexa centrado neste ámbito. CIU está en contra da regulamentación, mentres que o Parlamento catalán suxire un sistema como o holandés ou o alemán: nun anteproxecto, propón que a prostitución poida ser exercida dende os vinte e un anos e que as traballadoras sexuais autoxestionen os seus bordeis.