A Rede de Dinamización da Sociedade da Información e Mancomún poñen en marcha actividades formativas en diversos puntos do país.
Reducir a fenda dixital e o desequilibrio entre o medio rural e o urbano son dous dos obxectivos dos cursos de formación que van poñer en marcha a Rede de Dinamización da Sociedade da Información e Mancomún en novembro e decembro. As actividades, de 300 horas de duración, xirarán arredor de aplicacións de software libre.
A oferta formativa estará destinada tanto a pequenas e medianas empresas como á poboación en xeral e supoñerá un investimento de case 73 mil euros por parte de Innovación e Industria e o Cesga. No caso do sector empresarial, preténdese mellorar a produtividade e a competitividade mediante o uso de ferramentas de código aberto, e incidirá especialmente no medio rural.
Durante os dous meses de duración, haberá cursos nas localidades de Sada, Camariñas, San Sadurniño, O Barco de Valdeorras, O Saviñao, Ribadeo, Allariz, O Carballiño, Combarro e Salceda de Caselas con materias relacionadas coa ofimática, o comercio electrónico, o márketing e a creación de páxinas web.
A inscrición pódese realizar en liña na páxina da Rede de Dinamización, onde tamén se ofrece información sobre todos os cursos e actividades que desenvolve.