Un presentador descúlpase por informar da derrota dos conxuntos de fútbol de Madrid fronte aos de Cataluña cun: "mal día para os equipos españois".
O presentador de deportes de Televisión Española Jesús Álvarez cometeu o luns no telexornal do mediodía un suposto lapsus televisivo.
Á hora de informar dos resultados dos partidos de fútbol entre Barcelona e Atlético de Madrid e Real Madrid e Espanyol, con vitoria dos equipos cataláns fronte aos madrileños, afirmou que non fora "unha xornada boa para os equipos españois".
O xornalista desculpouse en directo este martes, afirmando que leva facendo a sección durante 12 anos e que a confusión se debera "á improvisación do directo". Rectificou dicindo que "evidentemente, quixen dicir 'equipos madrileños', xa que para min, como para toda a afección, o Barcelona e o Espanyol son equipos españois", polo que lle pediu desculpas á audiencia.
Nunha nota emitida pola dirección da televisión pública estatal, asegúrase que se "apoia total e absolutamente a Jesús Álvarez, un xornalista que leva máis de 30 anos en TVE e que desenvolve o seu traballo con rigor e profesionalidade".