Compiten corenta países, e o gañador coñecerase en decembro.
O Eurodanceweb Award leva oito anos celebrándose en paralelo ao Festival de Eurovisión, elixindo en cada edición á mellor canción dance do continente. Nesta ocasión partipan un total de corenta países, entre eles España, que escolleu como canción representante, por vez primeira, un tema en galego.
Trátase da ben coñecida 'A festa non vai parar', de DjSon1c, coa voz da catalá Isis, que competirá con algúns dos máis coñecidos disc-jockeys e produtores de Europa, como o alemán Alex C e o seu tema Doktorspiele, ou a banda italiana Bloom06, un proxecto formado en 2006 por Maury Lobina e Gianfranco Randone, antigos membros do popular grupo Eiffel 65. Tamén participan artistas e grupos que representaron aos seus países nalgunha edición no Festival de Eurovisión, como o rumano Mihai Traistariu, o chipriota Evridiki ou o islandés Paul Oskar.
En decembro coñecerase o gañador, escollido por un xurado de expertos. Mentres, pódese votar polas cancións favoritas na web do certame. Polo de agora 'A festa non vai parar' atópase en quinta posición, por detrás de Rumanía, Suecia, Bulgaria e Italia.