Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DJSON1C, disc jockey

"En Tattoo a xente vólvese tola con 'A festa non vai parar'"

Prepara un novo single para marzo, de novo en galego.

Marcos S. Pérez - 11:05 16/01/2008

A festa non vai parar/ Contigo quero xogar/ Esta noite voarei/ co son dance do meu DJ. É a canción de moda esta semana, que podería espallarse polas discotecas de todo o país. Iso sería un país normalizado, un país normal. Polo de agora pódese escoitar na rede (en descarga gratuíta no portal moguda.com) e na Discoteca Tattoo da Estrada. Alí é DJ residente DJSON1C, o autor do primeiro éxito dance en galego, que puxo na voz da catalana Isis. En febreiro escoitaremos a versión en inglés de A festa non vai parar, e en marzo un novo single, de novo en galego.



Comezaches a facer sesións de dance moi novo, con 16 anos. Como che deu por aí?
Sempre me gustou o dance, sobre todo despois de escoitar a artistas como Gigi D'Agostino ou Gabry Ponte. Daquela comecei a gravar cousas na casa e a envialas a radios. E xa con 18 anos empecei a pinchar en distintos locais da Coruña.

E agora na Estrada...
Si, en Tattoo todos os sábados. E na radio, en Cuac FM os xoves e Loca FM os venres.

É doado publicar dance no Estado Español?
Non, está moi mal a cousa dende hai uns anos. Por exemplo eu tiven que sacar o meu primeiro single, Fall in Love, en Italia. E en Italia xa entrou en catro recompilatorios, aparte do CD Maxi, pero non en España. E o segundo single colgámolo na rede para descarga gratuíta.

A festa non vai parar está sendo un éxito. Por que te decidiches a facer unha canción en galego?
Foi cousa sobre todo dos meus produtores, Mak&Sak. Eles levan a miña discográfica, Moguda.com, un portal catalán de música. Fan todo en catalán e están arrasando alí, e preguntáronme por que non facía unha canción en galego, que seguro que ía gustar. E tiñan razón.

Na Estrada gústalle á xente?
Por agora esta funcionando ben polo que vexo e as primeiras criticas foron boas. A xente vólvese tola cando a poño.

Vas seguir gravando en galego?
En marzo sacarei un novo single, tamén en galego. Antes farei a versión en inglés de A festa non vai parar, para distribuíla en todo o mundo.

E quen é Isis? É galega?
É a miña cantante e vaino ser en todas as cancións. Non é galega, é catalana e contactei con ela a través da discográfica.

Cales son para ti as tres mellores discotecas de Galiza?
A mellor é Queen, en Porriño, pola música. A segunda, tería que dicir a LP45 (Ordes) ou a Hermo de Muimenta; LP45 leva uns anos de capa caída, pero segue tendo máis variedade de música e de estilos. E terceira, teño que quedarme coa Tattoo da Estrada. E non porque pinche eu alí, senón porque é moi agradable traballar ali, porque a xente ve moi ben o estilo dance e a marcha por esa zona esta moi activa.


Ligazóns

4,96/5 (24 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



DJSON1C
DJSON1C