Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Unha mostra multimedia amosará o valor da lingua dentro da diversidade

Ademais, este venres presentouse o primeiro dicionario ilustrado do Comercio no noso idioma.

Redacción - 18:45 11/07/2008

A secretaría xeral de Política Lingüística vai poñer en marcha a exposición multimedia "As nosas palabras, os nosos mundos", sobre a lingua na diversidade lingüística, que está coordinada por Anxo Lorenzo e terá carácter itinerante. A estrea será en Compostela, en San Martiño Pinario, o mércores 16.

A mostra enmárcase nas actividades do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, e busca promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade do mundo e contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía da convivencia global.

Deste xeito, a exposición, cun espazo de 500 metros cadrados, está en sete idiomas (galego, catalán, castelán, éuscaro, inglés, francés e neerlandés-flamengo), aos que se suman outras 27 linguas presentes na mostra. Consta de catro módulos temáticos: As orixes, Isto é galego, As nosas palabras, os nosos mundos e A nosa lingua na nosa vida.

Está previsto que, despois de Compostela, visite Vilagarcía, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla, Bos Aires e Bruxelas.

A exposición está complementada pola web asnosaspalabras.org, primeira páxina galega sobre a diversidade lingüística que pretende converterse nun referente para a promoción e defensa do ecosistema lingüístico. A través desta páxina, que permanecerá activa unha vez rematada a exposición, poderá realizarse unha visita virtual á mostra e descubrir contidos sobre o galego e as linguas do mundo.

Dicionario ilustrado do Comercio
A Federación Galega de Comercio editou, en colaboración coa Dirección Xeral do mesmo eido, o 'Dicionario ilustrado do Comercio', a primeira obra destas características escrita no noso idioma. Distribuirase despois do verán e pretende contribuír á normalización lingüística: "Dar un paso máis na busca dun comercio galego de calidade", segundo explicaron o presidente da Federación, Xosé María Seijas, e a directora xeral de Comercio, Ana Rúa.

A obra sairá cunha tiraxe inicial de 3.000 exemplares e distribuirase a asociacións, comerciantes e consumidores. Ten máis de 300 páxinas con textos, máis de 500 ilustracións e viñetas e ao redor de 2.000 entradas. Ademais, garante o "máximo rigor lingüístico" posto que o dicionario está sendo elaborado por un equipo de filólogos, xornalistas, pedagogos e técnicos comerciais.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: