Porén, os partidos de fútbol masculino da Eurocopa son seguidos no país por riba da media do estado.
Aínda que Galiza se pode considerar un país de futboleiros, o certo é que as cifras que facilita Sofres sobre as audiencias de televisión no Estado Español amosan que non nos 'tira' tanto a selección vermella coma ao restdo Estado. Así, o noso país, xunto a Cataluña e Euskadi, é a comunidade autónoma onde menos porcentaxe de persoas seguiu o partido de fútbol da Eurocopa entre España e Rusia.
A media de cota de pantalla do xogo emitido por Cuatro foi do 53,9% en todo o estado, co 65,4% de Madrid, a gran distancia, nun extremo, e o 45,2% de Cataluña, 47,2% de Galiza e 47,8% de Euskadi no outro. En ningunha destas tres comunidades se chegou á metade das persoas que estaban a ver a televisión a esa hora, menos competitiva ca o horario de máxima audiencia.
E isto non quere dicir que en Galiza non nos interese o fútbol, porque, por exemplo, o partido do luns entre Holanda e Italia tivo no noso país unha cota de pantalla do 27,5%, por riba do 27,1 da media estatal, e enfrontándose ao até agora imbatíbel Padre Casares da Galega.