O seu poemario 'Construcións' naceu sendo un blog no que o autor rexistraba día a día o proceso creativo.
Eduardo Estévez soubo este martes pola mañá que gañara o Premio 'González Garcés'. Deulle tempo a anuncialo no seu blog e pouco máis; dende o mediodía o seu teléfono non deixou de soar: parabéns e entrevistas. "A miña xefa vaime matar", di, aínda que non especialmente preocupado. Un día é un día e un peso gastouse.
De que falan estas Construcións?
Os temas son os mesmos de sempre. Son pequenas historias, cun estilo bastante narrativo, aínda que fixando a mirada lírica no pequeno detalle. En realidade os poemas parten de aí, da graza que supón atopar ese detalle sobresaliente na realidade cotiá, e esa descuberta dá lugar a unha reflexión posterior, que é moito máis ampla.
O poema créao o lector?
Si, evidentemente. Eu non pretendo dicir verdade ninguha, non creo que iso sexa posible. Non pretendo, sequera, comunicar. Como dicía Maiakovski, a 'comunicación' non existe, é imposible.
Construción naceu no blog enconstrucion?
Si, o libro comezou a construírse alí. O obxectivo era amosar en directo a evolución do libro, o proceso creativo, que a xente fose lendo os poemas e participase coa súa opinión. Así e todo, no blog está apenas unha parte pequena do poemario e do proceso, porque deixei de escribir nel nun momento dado, cando comecei a pensar na posibilidade de publicar o libro.
Esa visibilidade influíu no proceso creativo?
Non influíu realmente, porque aínda que o blog tivo moitas visitas, a participación da xente foi moi baixa.
Recuncarás?
Foi unha experiencia abondo interesante, e si que me gustaría retomala. De feito, tamén teño a intención de publicar no blog a parte do proceso de creación que finalmente non publicara.
Cal é o futuro do libro, nun escenario no que internet convértese no centro da comunicación?
A discusión sobre o futuro do libro é arcaica. O libro está morto, cando menos tal e como o coñecemos, en papel. O futuro do libro está en internet, e negalo é non ver a realidade.