O xurado do premio da Deputación da Coruña destacou a proposta de 'renovación estética' da obra, e o seu achegamento ao cotiá.
Eduardo Estévez
Eduardo Estévez, nacido en Bos Aires e que reside na Coruña dende 2006, xa recibira un accésit do Premio González Garcés de Poesía en 1997 pola obra Só paxaros saíron desta boca. O voceiro do xurado, Manuel Forcadela, destacou que a obra Construcións sorprendeu pola "contemporaneidade da súa escrita e a aposta do autor pola renovación da nosa tradición estética", así como "a liña de construcción expresiva" da obra "na que se pode advertir unha proximidade do cotián".
O premio, que dende o 2000 é bianual, suma xa catorce edicións, durante as que se foi consolidando como un dos certames poéticos máis importantes do país, e dos mellor dotados economicamente, e nesta ocasión entregará 6.500 euros ao autor gañador. O xurado, integrado por Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Fernández Álvarez, Gonzalo Navaza Blanco, Luz Pozo Garza, e Remedios Fernández Romero (gañadora da anterior edición), acordou conceder un accésit á obra Cabalos do alén na cidade das fábulas.
Eduardo Estévez únese a nomes de prestixio na poesía galega, gañadores do certame nos últimos anos, como Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Estevo Creus, Román Raña, Xulio L. Valcárcel ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Estévez obtivo en 2003 o Eusebio Lorenzo Baleirón coa súa obra Caderno apócrifo da pequena defunta, e no 2002 levou o Premio de Poesía Concello de Carral con Derrotas.