Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Colombia

A líder das FARC que desertou esta semana nega ligazóns de Chávez coa guerrilla

Ademais, o ex presidente do parlamento colombiano Emilio Martínez Rosales, afín a Uribe, foi detido por presuntos nexos cos paramilitares.

Redacción - 13:05 21/05/2008

A líder guerrilleira Nelly Ávila Moreno Karina, que desertou das FARC esta semana, asegurou este martes que nunca soubo de ningún tipo de acordo do grupo armado cos gobernos de Venezuela ou de Ecuador.

"Admiramos o presidente Hugo Chávez, mais non teño constancia de acordos, negociacións ou calquera outra cousa dese tipo con el, nin tampouco co presidente Rafael Correa", afirmou nunha entrevista a unha emisora de radio.

A ex dirixente das FARC negou ser a autora de moitas das mortes que se lle atribúen, entre estas a de Alberto Uribe, pai do actual presidente de Colombia, Álvaro Uribe, en 1983. "Non sei quen matou o pai do presidente. Non teño as mans sucias nese caso", dixo.

No entanto, Karina, que a finais dos noventa comandou arredor de 300 homes e mulleres na Fronte 47 da guerrilla, admitiu que matou persoas en combate, mais nunca asasinadas a sangue frío. O goberno colombiano beneficia cunha pena máxima de oito anos os guerrilleiros que confesan os seus "crimes".

'Parapolítica'

Por outra banda, o ex presidente da Cámara de Representantes de Colombia entre xullo de 1998 e xullo de 1999, Emilio Martínez Rosales, foi detido por orde da Fiscalía, acusado de presuntos nexos con xefes paramilitares.

O ex congresista, do partido Cambio Radical, afín ao presidente Álvaro Uribe, "fixo un pacto" cos xefes do Bloque Tolima do grupo de extrema dereita Autodefensas Unidas de Colombia "para que protexese e apoiase os seus candidatos", segundo denunciaron os propios dirixentes paramilitares.

O escándalo da chamada parapolítica xa provocou a detención de 33 congresistas e outros 32 están a ser investigados.


3,4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: