O ferrolán non puido revalidar o título conseguido hai un ano en Copenhague. Nas mulleres gañou a favorita, Vanessa Fernandes, quen ademais competía na casa.
Frederic Belaubre entrando na meta
O francés Frederic Belaubre proclamouse este sábado, campión de Europa de triatlón ao gañar a proba disputada en Lisboa, na que o galego Javier Gómez Noya non puido revalidar o título conseguido hai un ano en Copenhague, ao terminar sétimo. É a primeira proba internacional de triatlón que non gaña Gómez Noya nos últimos oito meses, nos que fixo 18 podios consecutivos.
Belaubre era un dos principais rivais do galego, e demostrou a súa forza en Lisboa cubrindo o percorrido de 1.500 metros a nado, 40 quilómetros en bici e dez más de carreira a pé, nunha hora, 53 minutos e tres segundos, roubándolle xusto 20 segundos ao seu compatriota Tony Moulai, que levou a medalla de plata. O bronce foi para o suízo Olivier Marceau, que entrou terceiro a 51 segundos. Gómez Noya terminou a 1:42 de Belaubre.
O outro galego na competición, Iván Raña, entrou finalmente na posición 18, facendo o percorrido todo nunha hora e 56 minutos.
Vanessa Fernandes, pentacampioa
A portuguesa Vanessa Fernandes conseguiu o seu quinto título europeo consecutivo, ademais correndo na casa, ante os seus seguidores. Fernandes, de 22 anos, dominou claramente e demostrou porque é hoxe a número un en Europa, ademais de ser a vixente campioa do mundo. A portuguesa fixo a percorrido da proba en 2 horas, 5 minutos de 46 segundos. A medalla de prata foi para a italiana Nadia Cortassa e o bronce foi para a sueca Lisa Norden.
A galega Pilar Hidalgo, que tamén estaba presente en Lisboa, tivo que abandonar. A mellor situada na clasificación final do equipo estatal foi a madrileña Marina Damlaimcourt, que entrou de 21.