Un espectador quixo darlle cun paraugas durante o partido de 1ª Rexional entre o San Lorenzo e o Dorneda.
Alba Carballo, árbitra de 14 anos foi a pasada fin de semana a asistente do partido do grupo I de Primeira Rexional que xogaban no campo das Eiroas, en Carballo, o San Lorenzo e o Dorneda.
A moza foi increpada por un espectador na metade do encontro, segundo contan no xornal La Voz de Galicia, e foi defendida por xogadores de ámbolos dous equipos. Finalmente tivo que abandonar o campo, e o árbitro, Freire Lorenzo, decidiu ensinarlle o cartón vermello aos dous equipos, ao tempo que suspendía o partido. Minutos despois comezou de novo o xogo, mais sen que estivese Alba Carballo.
Segundo a versión do director deportivo de San Lorenzo, o espectador (duns 60 anos) dirixiuse á asistente, paraugas en man, dicíndolle "había que rebentarche a cara". Os futbolistas que defenderon a moza non lle quitan importancia ao feito, posto que aseguran ter levado co paraugas do home.
A cousa terminou en denuncia
Despois do encontro púxose unha denuncia ante a subdelegación do goberno español na Coruña por unha infracción contra a orde pública nun acto deportivo. No documento recóllese que un afeccionado tentou agredir cun paraugas á árbitra, sen conseguilo, aínda que si foi golpeado un xogador.
Polo seu lado, o Comité Galego de Árbitros tamén estuda emprender accións legais.
Non é a primeira vez este ano que pasa unha cousa parecida
A comezos do mes pasado acontecera unha cousa parecida en Vigo, durante o partido do Alerta Traviesas contra o Coruxo, en infantís. Mais, naquela altura si que fora agredido o árbitro, Gael Neira, un mozo vigués de 14 anos, por parte do pai dun dos xogadores.
Daquela tamén se puxera unha denuncia polo acontecido, e os árbitros galegos negáranse, durante un tempo, a asubiar nos partidos do Alerta Traviesas.