Os dous clubes foron creados esta mesma tempada, e encabezan a táboa de clasificación do Grupo Norte. Terán que se enfrontar a dous poderosos do sur, o Bértola e o Unión Guardesa.
Os dous clubes coruñeses han loitar polo ascenso a Primeira Nacional no seu primeiro ano na competición. Os dous equipos encabezan a táboa de clasificacións do Grupo Norte: o Orzán de primeiro, con 52 puntos, seguido do Galicia Gaiteira, con 50 puntos. A falta de tres xornadas para que termine a Liga, teñen o seu posto asegurado na disputa polo ascenso, posto que superan en máis de dez puntos ao terceiro clasificado, o Boiro.
A loita polo ascenso
Na loita polo ascenso terán que se enfrontar aos dous primeiros equipos do Grupo Sur (o Bértola, líder con 62 puntos, e o Unión Guardesa, segundo con 56), a duplo partido, aínda que non se sabe quen ha xogar contra quen.
Os vencedores de cada un dos encontros (ida e volta) han xogar unha final a un só partido do que sairá o único clube que conseguirá ascender ao grupo segundo da Primeira División, na Superliga.
A cousa está difícil para as mozas herculinas, posto que os clubes do Grupo Sur son bastante competitivos, e o Bértola, por exemplo, acaba de descender da Liga Nacional.