Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
BUSCADOR LIBRE

Wikia Search abre ao público este 7 de xaneiro

O proxecto do fundador da Wikipedia pretende revolucionar o mundo das procuras na rede cunha ferramenta aberta e colaborativa.

Redacción - 09:30 07/01/2008

O xa varias veces anunciado proxecto de buscador do fundador da Wikipedia, Jimmy Wales, xa ten data: o 7 de xaneiro. Ese día comezará a funcionar Wikia Search, unha web que pretende desafiar a Google e a outros servizos xa consolidados pero cunha diferenza importante: será un proxecto de procura totalmente libre e aberto.Na primeira páxina da súa wiki, Wikia Search defínese como un servizo baseado en catro principios: a transparencia, que implica que os seus sistemas e algoritmos empreguen código e contidos abertos; a comunidade, coa participación de calquera individuo ou organización; calidade, coa mellora da precisión e calidade dos resultados, e privacidade, que non se almacenen os datos que identifiquen as persoas que empreguen o servizo.

O proxecto pretende levar ao mundo dos buscadores a mesma filosofía da Wikipedia. O seu artífice, Jimmy Wales, convidou un grupo limitado de persoas para que formen parte da plataforma, que se abrirá definitivamente a todo o mundo o luns 7. Segundo Wales, buscadores como Google ou Yahoo son servizos opacos que non explican como se chegou aos resultados que ofrecen. Pero xa avisa: o servizo precisará dun tempo para evolucionar, e no primeiro momento non estará á altura dos buscadores tradicionais.O proxecto forma parte da empresa de Wales, Wikia, que ofrece unha plataforma para construír wikis. Do mesmo xeito, tamén ofrecerá a posibilidade de que cada un constrúa a súa propia ferramenta de busca. Wikia naceu en 2004 e recibiu o investimento de Amazon e de Bessemer Venture Partners.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: