"Derrotounos a abstención", analizou o presidente Hugo Chávez, logo de coñecerse o primeiro boletín oficial do Consello Electoral, onde se avanzaba que o "non" á reforma foi maioritario.
A presidenta do Consello Nacional Electoral, Tibisay Lucena, anunciou durante a noite do domingo para o luns que o "Non" resultou maioritario sobre o "Si" na votación sobre a reforma constitucional arredor da que os venezolanos eran consultados.
A reforma, que se votaba en dous bloques diferentes, foi votada negativamente polo 50,7% nos 33 artigos propostos directamente polo presidente, Hugo Chávez. Un total de 4.504.354 votos en contra fronte a 4.379.392 a favor. Por outra parte, no bloque de 36 artigos adicionais propostos a través do Parlamento, o "Non" tamén saíu gañador con 4.522.332 votos, o 51,05%, fronte a 4.335.136 sufraxios. A abstención chegou ao 44,4%.
Estes datos saen do primeiro boletín oficial, cunha pequena parte dos votos aínda por recontar, malia que segundo os responsábeis do Consello Electoral Nacional xa non mudará a tendencia. Tibisay Lucena felicitou a xornada "cívica e democrática" vivida polo país e chamou ao pobo e aos representantes políticos a asumiren os resultados con "tranquilidade" e "paz".
"Batalla longa", analiza o presidente
"Agora os venezolanos e venezolanas debemos confiar nas nosas institucións", declarou o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, despois de que se publicasen os primeiros resultados do referendo. "Aos que votaron pola miña proposta e aos que votaron en contra, agradézolles e felicítolles porque comprobaron que este é o camiño", valorou Chávez. "E oxalá que esquezan para sempre os saltos ao baleiro e os camiños da violencia e a desestabilización", pediu o mandatario.
Por outro lado, Chávez dirixiuse máis directamente aos seus seguidores para solicitarlles que "non estean tristes" e de xeito concreto, cara á oposición, chamou aos seus adversarios a "saber administrar a súa vitoria". "Mírena ben, matematicamente, vostedes gañárona, pero esa vitoria pírrica eu non a tivese querido, non desa maneira", comentou. "Estamos feitos para unha batalla longa", avaliou Chávez, "por agora non puidemos, pero eu diante de vostedes cumpro co compromiso de respectar as nosas institucións", dixo o presidente venezolano.