Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XORNADA ELECTORAL

Venezuela decide o seu futuro

Hugo Chávez enfróntase á división do electorado verbo da reforma constitucional. Mentres, en Rusia, o partido de Putin parte como favorito nas enquisas entre dúbidas de limpeza no proceso electoral.

Redacción - 12:45 02/12/2007

Máis de 16 millóns de venezuelanos deciden se apoian ou non o referendo de reforma constitucional impulsado polo goberno do país. A convocatoria electoral interprétase como un exame para presidente, Hugo Chávez, principal artífice da reforma.

A modificación do texto permitirá que, no futuro, os presidentes poidan prolongar os seus mandatos a sete anos e presentarse indefinidamente ás eleccións, e o control gobernamental do Banco Central de Venezuela, entre outras novidades.

A principal innovación deste referendo é que o proceso farase de xeito electrónico. Os electores poderán apoiar ou rexeitar dous bloques constitucionais diferentes: o A, que consta de 46 artigos, e o B, doutros 23.

Durante os últimos días sucedéronse multitudinarias manifestacións tanto a prol do “si” como do “non”, no que será o primeiro referendo sen vencedor claro dende a chegada ao poder de Chávez, en 1998.

No noso país, un total de 1.276 venezuelanos poderán votar o domingo no consulado da república bolivariana en Vigo. Os primeiros resultados comezaranse a coñecer sobre a medianoite.

Eleccións en Rusia
Máis de cen millóns de persoas do estado máis largo do mundo, Rusia, elixen este domingo os 450 escanos da Duma, a súa cámara baixa. Estes comicios estanse a interpretar como un referendo de confianza no presidente, Vladimir Putin, a quen as enquisas lle prognostican unha clara vitoria, co 60% dos votos.

Putin pediu publicamente pola televisión o voto para Rusia Unida e afirmou que o resultado das eleccións á Duma marcará o camiño para as presidenciais, previstas para o 2 de marzo de 2008.

Nas rexións máis orientais, onde os colexios electorais abriron máis cedo, estase producir unha alta participación. Porén, a limpeza do proceso electoral non estará garantida por un número suficiente de observadores internacionais. Estarán algo máis de 350 representantes, ningún deles da Oficina de Defensa da Democracia da OSCE. O goberno ruso, crítico co espírito da institución europea, puxo atrancos á presenza de observadores.

Durante a semana, o Gran Mestre do xadrez Garry Kaspárov converteuse no símbolo da represión presidencial contra os partidos opositores, despois de pasar cinco días na cadea por ter participado o sábado 24 en protestas contra o goberno.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: