Nos últimos días moito se falou da posibilidade de que a selección catalá de fútbol xogase un partido a nivel internacional, contra os EUA. Agora segue a polémica e cadaquén opina ao seu xeito.
Finalmente a Federación Catalá de Fútbol recibiu esta semana un comunicado da Federación Española no que se lles confirma que non lles está permitido disputar o partido amistoso que tiñan previsto xogar o vindeiro 14 de outubro contra oa EUA. As reaccións foron varias, porque xa o anuncio do partido creara moita polémica, mais existen posibilidades de que a selección catalá poida xogar partidos oficiais, e mesmo o Mundial de Fútbol.
Para que a Selección Catalá chegase a xogar, por exemplo, o Mundial, tería que contar co permiso do Estado Español, xa que a FIFA non admite "territorios sen fronteiras" sen a autorización do Estado no que se insiren. Mais hai precedentes: Gales e Escocia, ou Palestina.
Segundo os estatutos da FIFA, sería posíbel que Cataluña xogase o Mundial, con autorización española, cousa pouco probábel cando o deporte se mestura coa política. "Coa autorización da asociación nacional do país do que dependa, a asociación de fútbol dunha rexión que aínda non conseguise a súa independencia poderá solicitar a súa admisión na FIFA", di o artigo 6º do estatuto da entidade futbolística supranacional.
Isto podería aplicarse á selección catalá, mais tamén á vasca e á galega, pero moito se tería que andar.
Os ingleses xa o fixeron
En 1908 en Viena, as seleccións de Escocia e Irlanda solicitaron a súa incorporación á FIFA, iniciativa que tentaban bloquear alemáns e franceses. Mais Inglaterra demostrou que galeses, escoceses e irlandeses tiñan federacións independentes dende había ben tempo -tiñan máis de 30 anos de historia naquela altura-, o que permitiu finalmente que fosen admitidas na FIFA.
Mais, Cataluña...
Os cataláns que levan varios meses metidos nunca campaña mediática na que todo o mundo opina sobre ese partido contra os EUA.
O PP catalán, un dos principais perseguidores das seleccións nacionais do país, denunciou esta semana que o programa Gol a Gol de TV3 estaba a lanzar "mensaxes independentistas".
O Secretario de Organización do PPC, Xavier García Albiol lamentou na segunda feira que "TV3 se teña convertido na televisión máis politizada e manipuladora de España", despois de que o domingo o programa deportivo Gol a Gol terminase falando da prohibición de que se xogue o partido Cataluña-EUA, previsto para o 14 deste mes. Tras isto emitiron imaxes das seleccións catalás, co tema L'Estaca, de Lluís Llach, soando de fondo, unha canción que, segundo dixo García Albiol, "se converteu no seu día nun himno contra a ditadura franquista"".
O PP ten intención de pedir explicacións no Parlamento catalán ao presidente da Corporació Catalana de Ràdio i Televisió ao que lle vai preguntar "qué medidas pensa adoptar para garantir que TV3 deixe de ser o altofalante do independentismo máis radical".