Problema para as ducias de concellos galegos que están promovendo redes sen fíos, que en todo caso terán que cobrar “tarifas de mercado”
Na Estrada o wifi é gratis, pero só na fase incial / Foto: aestradadixital.org
O goberno estatal acaba de confirmar as súas ameazas contra as redes sen fíos que están a promover moitas administracións, entre elas varias ducias de concellos galegos e a Consellería de Industria, que subvenciona até 14 wimax municipais.
E é que Madrid só permitirá que se invistan cartos públicos en levar internet "a zonas rurais ou de menor densidade de poboación". Así figura nunha ambigua resposta estatal a unha pregunta presentada polo senador nacionalista, Francico Jorquera.
Na súa interpelación, Jorquera alertaba que "as tres grandes operadores do Estado (Telefónica, Vodafone e Orange) teñen anunciado recentemente e de xeito conxunto que van emprender accións legais contra os concellos que instalen redes sen fíos de acceso gratuíto". O senador quería saber se o executivo español apoiaba esta postura.
"Tarifas conformes co mercado"
Na súa resposta, tenta nadar sen mollar a roupa. Por un lado afirma que “as administracións poden promover a oferta de servizos públicos” pero lembra que deben facelo “de xeito compatible coa normativa”. E o que marca a Lei, insiste Madrid, é o respecto a libre competencia mediante o “establecemento de tarifas conformes coas normas do mercado”.
En definitiva, semella que a Comisión do Mercado das Telecomunicacións seguirá a perseguir as wifis que prexudiquen os intereses das operadoras. Só terán o “prace” estatal as que funcionen onde ás compañías non lles compense ofrecer o servizo. E incluso as wifis rurais terán que cobrar, como vai facer A Estrada Dixital, cunha tarifa de 10 euros.
Eran realistas as promesas electorais?
O problema é que moitos alcaldes galegos prometeron na campaña electoral instalar wifis en zonas que si resultan atractivas ao capital privado. Por exemplo, en Santiago, A Coruña, Vilagarcía e Ourense.
Haberá que, polo tanto, agardar a reacción das operadoras cando as wifis comecen a funcionar. É probábel que Telefónica non proteste polas redes sen fíos en lugares moi illados, pero que si pida que a CMT vete as wifis en vilas, sobre todo se ofrecen tarifas máis baratas que as súas. Daquela será cando o Estado deberá aclarar se aposta pola iniciativa pública ou se defende os interese empresariais.