Vieiros

Vieiros de meu Perfil


SOBRE TODO OS ALCALDÁBEIS SOCIALISTAS E DO BLOQUE

Non hai candidato que non prometa wi-fi

Malia que a CMT xa pechou varias redes públicas gratuítas, a campaña está chea de promesas deste tipo.

M.V. - 11:00 17/05/2007

Internet sen fíos, de alta velocidade e gratuíto en todo o concello. Esta é unha das promesas electorais máis escoitadas nesta campaña electoral. Os candidatos prometen wi-fis públicas de balde malia que a Comisión Nacional das Telecomunicacións (CMT) impide ás administracións ofrecer redes sen fíos gratuítas, pois cre que lle fan a competencia desleal aos operadores privados. Baseándose neste razoamento, a CMT xa pechou varias redes públicas, incluída a da cidade de Barcelona.

Malia isto, son innumerábeis os casos dos candidatos, sobre todo de esquerdas, que prometen wi-fis de balde ou subvencionadas. Entre eles están Juan Fajardo (alcaldábel de Esquerda Unida en Vilagarcía), Francisco Rodríguez (do PSdG en Ourense), Pablo Iglesias (do BNG na Rúa), Santi Domínguez (do Bloque en Vigo), ou Domingo Tabuyo (do PSdG en Cambados).

A estes hai que engadir as promesas feitas dende os concellos en pre-campaña. Tal é o caso, por exemplo, de Sánchez Bugallo (PSdG en Santiago) ou Javier Losada (PSdG na Coruña).

Na Estrada saben de custos e cotas
Cómpre tamén ter en conta o alto custo de este tipo de redes. Así, na rede da Estrada Dixital, a maior wi-fi pública do Estado, investíronse máis de 840 mil euros entre a rede e os “kit de acceso”. Ademais, o concello tivo que estabelecer un pago de 10 euros ao mes para evitar a censura da CMT, entre outros requirimentos.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: