Estas foron as palabras de Xosé Luís Molina, a nova incorporación do Celta, nunha "clara declaración de intencións", segundo din dende o clube vigués.
O clube celeste, que leva semanas mudando os seus cargos de responsabilidade, presentou tamén novo coordinador da canteira na mañá da segunda feira.
O tamén novo director deportivo do Celta, Ramón Martínez, deulle a benvida a Molina, que se amosou encantado de estar no Celta dicindo que é "unha oportunidade que non podía deixar pasar", na que é preciso "reconstruír unha estrutura de futuro no clube vigués".
Cando lle preguntaron, Molina non descartou meter na canteira xogadores de fóra do país, mais quixo reiterar que a súa prioridade e o seu primeiro obxectivo é "conseguir que o mellor de Vigo, o mellor da provincia de Pontevedra e o mellor de Galiza xogue no Celta".
"Eu coordino, non mando"
Ante as preguntas dos medios, na súa presentación, Molina dixo sentirse máis coordinador que director, xa que confía no "carácter e personalidade de cada un dos adestradores das distintas categorías".
"A base do meu traballo é tratar con cariño a todos os xogadores, mais esixíndolles, para que desexen triunfar no Celta e non fuxir a outros equipos", dixo Molina, cando foi preguntado: "os rapaces teñen que ir sempre coa perspectiva, coa meta de ingresar algún día no cadro de xogo do primeiro equipo".