Os 27 países membros da Unión Europea inician na tarde deste xoves en Bruxelas unha xuntanza decisiva para trataren de reactivar a Carta Magna.
A batalla polo repartimento do poder ameaza o cumio de líderes da UE que comeza este xoves para tratar de chegar a un acordo sobre o novo Tratado simplificado. A presidencia de quenda alemá, que quere preservar o máximo posíbel da fracasada Constitución Europea, ofreceulles concesións aos países máis escépticos, tal coma o Reino Unido, Holanda e a República Checa.
Porén, aínda non deu ningún paso cara a Polonia, que ameaza con vetar calquera compromiso se non se modifica o sistema de toma de decisións por dobre maioría de Estado e poboación. O goberno polaco considera que o prexudica e que beneficia desproporcionadamente a Berlín; incluso lembrou a perda da súa poboación, sufrida a consecuencia da II Guerra Mundial.
Sistema de dobre maioría
Berlín nega enerxicamente que a ameaza de veto de Varsovia estea provocada por un enfrontamento entre os dous países, e subliña que 25 Estados membros apoian o sistema de dobre maioría. Este ten en conta a un 55% dos Estados membros, que inclúa polo menos a 15 deles e que reúna como mínimo o 65% da poboación. A República Checa tamén o rexeita.
Varsovia propuxo como alternativa que a repartición de poder calcúlese de acordo coa raíz cadrada da poboación, un sistema que aumentaría o poder de veto de Polonia pero reduciría substancialmente o de Alemaña. Nas últimas horas, os xemelgos Kaczynski mostraron algúns síntomas de apertura aínda que manteñen a ameaza de vetar calquera compromiso que non teña en conta os seus intereses.
Críticas da Comisión Europea
A Comisión Europea alertou dos perigos dunha "Europa á carta" e arremeteu contra o que trazan as súas "liñas vermellas" e ameazan co veto. "Se temos éxito, todos gañaremos. Se non, só haberá perdedores", sentenciou o xefe do Executivo comunitario, José Manuel Durão Barroso.
A grande incógnita do cumio é saber o papel que asumirá o Reino Unido, que no último momento presentou unha petición para reducir os poderes do ministro de Asuntos Exteriores, que xa non se chamará así. O goberno británico pretende impedir que este presida as reunións do Consello e que conte co apoio dun servizo de acción exterior.
Esta postura sentou moi mal entre o resto dos socios. Consideran que ameaza con 'descafeinar' a figura do presidente permanente da UE, á que, segundo a prensa, aspira o primeiro ministro británico, Tony Blair.