A CEOE pídelle á oposición que, no trámite da reforma, achance o camiño para as indemnizacións de 20 días.
A gran patronal española ten claro que os despidos máis baratos e con menos trabas é o punto da reforma laboral que máis lle convén. Un dos dirixentes da CEOE, José de la Cavada, non puido ser máis explícito esta semana: “Parécenos un absurdo encargalle hoxe en día aos xuíces que tomen decisións e analicen as decisións que toman os empresarios cando loxicamente nin teñen peritaxes que os poidan ilustrar, nin tempo, nin coñecen a empresa. Parécenos unha loucura e hai outros exemplos como Francia e Inglaterra que deberiamos ver co máis agarimo”.
A CEOE considera que nas emendas á reforma laboral presentada polo goberno español é preciso establecer mecanismos para que as empresas en apuros poidan botar os seus empregados cunha indemnización de 20 días por ano traballado (fronte aos 45 que poderían ter como máximo en condicións normais) sen ter que pasar por un xulgado.
Esta é a principal demanda que lle está a trasladar a gran patronal aos partidos políticos para que se contemple nas emendas que o Congreso vai negociar para a reforma laboral. De la Cavada sinala que o texto aprobado en xuño polo goberno de Zapatero foi un “primeiro paso que non satisfai a ninguén” e neste sentido augurou que “cando volvan apretar dende o exterior co custe financeiro da débeda e a reforma esta sen acabar de tramitarse, igual se convirte nunha reforma a prazos”.
A maiores, dende a CEOE consideran que hai que “facer máis fincapé” nos contratos de formación para mozos (cun menor custe salarial e de cotización para a empresa) á vez que advertiu que as empresas “non son ONGs”.