Xeografías seica tamén "relacionadas no Apóstolo" que chegou de Galilea polo Mediterráneo, reflexiona o xefe do Goberno.
Volta e reviravolta explorou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, esta sexta feira para sacarlle parecido con Galiza á cidade africana ao norte de Marrocos. Foi durante a visita a Galiza do presidente da "cidade autónoma" de Ceuta, Juan Jesús Vivas Lara.
Núñez Feijoo decidiu destacar como nexos de unión entre Ceuta e Galiza "a españolidade común, os vínculos co mar e a capacidade para ser puntos de encontro de civilizacións". Para o presidente da Xunta, "ambas rexións, distantes na xeografía, están relacionadas no Apóstolo, que sae das súas terras de Galilea e atravesa o Mediterráneo para predicar en España". "Galiza foi marcada pola historia como destino e orixe da gran idea de Europa, e Ceuta é unha encrucillada na que Europa e África se encontran", expuxo. “Destinos, orixes e encrucilladas forman parte de calquera camiño e tamén do Camiño de Santiago”, afirmou Feijoo.