O BNG denuncia a desaparición e lamenta que o Goberno bote abaixo esta iniciativa pioneira que situou a Galiza na vangarda das políticas de prevención.
Despois do anuncio da Xunta da reformulación dos centros de información para mozos, o BNG denuncia o desmantelamento do servizo de información afectivo-sexual postos en marcha polo bipartito. A deputada, Ana Pontón, e a responsábel de Galiza Nova, Iria Aboi, denunciaron que, na práctica, esta operación do Goberno non procura outra cousa que a desaparición dos centros Quérote tal e como funcionaban até o de agora.
Nun comunicado, as nacionalistas recordar que estes centros tiñan unha grande demanda e o seu traballo na prevención e na educación afectiva-sexual axustábase, por vez primeira, ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Asemade, subliñan que esta pioneira iniciativa situou a Galiza na vangarda das políticas de prevención.
Na Coruña, o Quérote xa está pechado
Doutra banda, a concelleira de Xuventude da Coruña, Ermitas Valencia, solicitou unha entrevista urxente coa Xunta para coñecer as súas intencións sobre o centro Quérote da cidade. Denuncia que este servizo, único dirixido á mocidade que ofrece a cidade, permanece pechado “dende hai uns meses”. Asegura que unicamente abre “unhas horas de luns a venres”, mais con grandes deficiencias de persoal.
Pola súa parte, a Consellaría de Traballo e Benestar xa rexeitou estas acusacións e asegurou que, pola contra, os contidos deste centro “se incrementarán nos último trimestre do ano”. Se ben recoñece “problemas puntuais nos horarios de apertura”, asegura que xa se está a traballar para “darlle unha pronta solución”.