O presidente do CES, Marcos Peña, avogou por levar a cabo reformas estruturais, porque "o modelo de España é insostíbel".
Marcos Peña, este luns
O presidente do Consello Económico e Social (CES), Marcos Peña, asegurou que medio millón de traballadores foron despedidos en 2009 sen motivo ningún a nivel estatal, ao tempo que considerou "limitado" o éxito das políticas de emprego.
Nun almorzo organizado polo Foro Nueva Economía, Peña achacou a destrución de emprego, "o problema máis importante da economía", "ao tecido empresarial fráxil e atomizado" e á necesidade de formación do empresariado.
Peña apostou por intensificar a cooperación interna entre os servizos públicos de emprego, así como por reforzar a externa cos axentes privados do mercado. Ademais, cuantificou en 1.369.700 os empregos perdidos polo efecto "devastador" da crise sobre o mercado de traballo, confiou en que se sairá da crise, mais prognosticou unha recuperación "lenta e non exenta de riscos".
Finalmente, o presidente do CES avogou por levar a cabo reformas estruturais, porque "o modelo de España é insostíbel", e non desbotou unha hipotética suba do imposto sobre as Sicav se as medidas de axuste do déficit público "son insuficientes".