O pasado mes de marzo, políticos alemáns aconsellaron aos gregos esta medida para reducir o endebedamento.
Das seis mil illas, 227 están habitadas
Grecia pon á venda e en aluguer a longo prazo algunhas das súas seis mil illas como medida para atallar o forte endebedamento. Segundo publica este venres The Guardian, unha zona de Mykonos -destino turístico de referencia- está aberta a ofertas para desenvolver un complexo de luxo.
Investidores de Rusia e China, di o diario inglés, están interesados na illa de Rhodes. Roman Abramovich, dono do Chelsea, podería ser un dos interesados. Calcúlase que unha illa de 500 hectáreas pode ser adquirida por 15 millóns de euros, mais pódense conseguir outras desde dous millóns.
O diario di que só 227 illas gregas están poboadas. A idea do Goberno de vender pasa tamén pola súa "imposibilidade de desenvolver infraestrutura básica" e para atraer o investimento.
O pasado mes de marzo, os políticos alemáns aconsellaron aos gregos vender as súas illas para reducir o endebedamento. "O Estado grego débese desprender de forma radical das súas participacións en empresas e tamén vender terreos, por exemplo, as súas illas deshabitadas", afirmou o liberal Frank Schäffler.