O ministro de Traballo destaca a "seguridade para o empresario" que introducen os cambios. Entre outros, tamén se abre a porta ás ETT para acceder ao sector público.
Apelou esta cuarta feira a vicepresidenta primeira do goberno español, María Teresa Fernández De la Vega, á "responsabilidade" do executivo estatal na actual conxuntura para xustificar o decreto aprobado en reunión extraordinaria polo Consello de Ministros. Unha reforma que sae adiante co único aval do PSOE no Congreso e co rexeitamento dos axentes sociais, cos que o goberno español non foi capaz de chegar a un punto de encontro nas xuntanzas das últimas semanas.
De la Vega referiuse tamén ao "incremento da competitividade e da produtividade" que, na súa opinión, garantirá esta reforma. O presunto incremento da seguridade xurídica nos conflitos por despedimento en prol de "máis estabilidade laboral e máis flexibilidade" foron ademais criterios mencionados pola vicepresidenta. Insistiu Fernández De la Vega en que se trata de cambios feitos na arela de que o despido sexa "a última opción e que non sexa a máis doada". "Reduce a temporalidade laboral e incentiva a contratación indefinida", expuxo.
No mesmo sentido falou o ministro de Traballo, Celestino Corbacho, quen debullou que a reforma laboral implicará "maior estabilidade no emprego e maior estabilidade interna nas empresas". Rexeitou ademais que vaia significar o aumento de cotas empresariais coa Seguridade Social.
Temporalidade e ETT
Na súa intervención logo do Consello de Ministros Corbacho subliñou a xeneralización do contrato con 33 días de indemnización, chamando a atención sobre o alto número de contratos temporais asinados no Estado Español, "o 92%", admitiu. Ao fío asegurou que o cambio non terá efectos retroactivos sobre os contratos indefinidos actuais que manterán a indemnización de 45 días por ano traballado. Por outro lado, o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), pagará 8 días nos despidos de todos os contratos indefinidos ordinarios.
Para a xustificación dos chamados "despidos obxectivos" unha empresa "só terá que acreditar perdas", aínda que esas causas, dixo Corbacho, "sempre debe determinalas un xuíz". E un dos puntos polémicos da reforma será tamén o levantamento das restricións que até o de agora tiñan as Empresas de Traballo Temporal (ETT) para traballar co sector público, unha das reclamacións habituais do lobbie das ETT.