Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SINDICATOS E EMPRESARIOS XA COÑECEN O TEXTO

As empresas con perdas poderán indemnizar o despedimento con 20 días

O ministro de Traballo adianta que a reforma laboral recollerá, en síntese, os termos sobre os que negociaron os axentes sociais.

Redacción - 17:40 11/06/2010

Día a día imos coñecendo, aos poucos, novas medidas que previsibelmente se incluirán na reforma laboral que se fará pública o vindeiro mércores 16 de xuño e que será convalidada o vindeiro 22 pola tarde. A última adiantouna este venres o ministro de Traballo, Celestino Corbacho, quen confirmou que a proposta do goberno español sobre a que negociaron os axentes sociais incluía o despedimento con 20 días cando as empresas sumen seis meses de perdas. Se ben non houbo acordo ao respecto, Corbacho asegurou que este posicionamento seguirá aí.

Esta medida abarataría os despedimentos individuais, xa que actualmente só están xustificados por causas obxectivas como “ineptitude do traballador”, “falta de adaptación”, “absentismo laboral” ou “necesidade acreditada de amortizar postos de traballo”. Actualmente, tamén se indemniza con 20 días nos casos dos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), mais o procedemento exixe a aprobación do Ministerio de Traballo. Corbacho afirmou que esta medida tamén tería garantida a tutela xudicial efectiva e que se entende que é a última actuación posíbel da empresa despois de recorrer a outros instrumentos de axuste, como os propios ERE's.

Outra das medidas incluídas no borrador que tamén transcendeu este venres é a limitación dos contratos por obra, que terán unha duración máxima de dous anos ampliábel a tres. O documento xa foi enviado a sindicatos e patronal, e a próxima semana será entregado aos grupos parlamentarios. Porén, Corbacho xa apuntou que non conterá moitas novidades respecto ao orixinal.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: