A nova formación de María Xosé Silvar, que foi voz de Chámalle Xis!, tráenos un tema con son de big-band.
Sés
Logo do seu exitoso camiño con Chámalle Xis!, que xa participou no A Polo Ghit, María Xosé Silvar volve aos escenarios en Sés, coa súa impoñente voz e rodeada dunha banda cun son big-band americano e unha formación profesional únicos na escea musical galega: sección de metais (dous saxos e trompeta), tres coristas, teclado... Canto a 'Tola atrás de ti', non é unha nin moito menos unha declaración de amor, senón máis ben unha declaración de intencións, unha quentura, un atrevemento fresco, directo e vacilón dunha moza que anda tola por mocear. E todo cun son de blues e soul que estoura ao final do tema, coa intervención estelar das coristas.
Sés é unha banda de 11 músicos liderada por María Xosé Silvar, ex cantante de Chámalle Xis!. Entre os músicos que completan Sés hai grandísimos profesionais, como Tito Calviño na guitarra, Miguel Queixas á batería, David Paz no saxofón (responsable, ademais, dos arranxos e a produción musical de Sés), Jose Rodríguez no saxo, Moncho Ces á trompeta, Christian Leggiero no teclado e Aixa Romay, Lucía Souto e Carla Álvarez nos coros.