Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CANDA OITO PLANTAS DE COMPOSTAXE

Haberá incineradora de residuos no sur: A Xunta busca concellos

Medio Ambiente confirma que se construirá antes de 2016 e que queimará 250 mil toneladas de residuos ao ano, mais non aclara cal será o lugar elixido.

Redacción - 17:41 21/05/2010

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, debuxou este venres as principais liñas do novo plan de residuos que deseña a Xunta. O Goberno contempla a construción dunha segunda incineradora de lixo no sur de Galiza que se construirá a partir de 2014. Ademais, a consellaría aposta por deixar establecidas oito plantas de compostaxe (distribuidas por todo o país).

A nova incineradora, que se sumaría á que funciona dende hai unha década en Cerceda, podería entrar en funcionamento no ano 2016, segundo cálculos do executivo. Porén, dende a consellaría non deron a coñecer o concello que terá que albergar as instalacións, que segundo algunhas fontes podería estar situado a medio camiño entre as cidades de Vigo e Ourense.

Esta segunda incineradora queimaría perto de 250 mil toneladas de lixo anuais. E serviría para paliar a difícil situación que vive a planta de Cerceda á que chegan 900 mil toneladas anuais aínda que a súa capacidade máxima de incineración non sobrepasa as 500 mil.

Unha das razóns polas que a Xunta non dá a coñecer de momento o lugar elixido é o forte rexeitamento social que se agarda. De feito, o Goberno tivo enriba da mesa a posibilidade de ampliar a planta de Cerceda. Porén, o modelo centralizado nun só municipio foi desaconsellado polo Consello de Contas polo forte gasto que representa para as arcas públicas o transporte dende comarcas afastadas.

O macrovertedoiro da Areosa seguirá acumulando lixo
O vertedoiro cercedense da Areosa, onde a Xunta leva anos depositando milleiros de toneladas de lixo sen tratar, seguirá a ser unha das “solucións”. A pesar de que os expertos levan anos denunciando o perigo ambiental (e incluso sanitario) que supón a existencia deste macrovertedoiro, a Xunta seguirá botando man del para enterrar o cuantioso excedente de residuos, polo menos até o ano 2016.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: