Malia a oposición palestina, conseguiu ser aceptado no exclusivo clube das economías máis prósperas do mundo.
Gurría, secretario xeral da OCDE
Israel apuntouse este luns unha inesperada e importante vitoria diplomática logo de conseguir ser aceptado na Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), o exclusivo clube das economías máis prósperas do mundo alcumado clube dos países ricos.
Israel, malia a firme oposición palestina, estaba ligado á OCDE desde 2002 dentro do grupo de países observadores non-membros, e en 2007, o Consello ministerial do organismo comezou a analizar o seu acceso como membro de pleno dereito, xunto co de Chile, Eslovenia, Estonia e Rusia.
A OCDE, con sede en París, considera que Israel, ademais de Estonia e Eslovenia, reúnen na actualidade os requisitos específicos de ser economías abertas e desenvolvidas. Unha vez se faga oficial, os integrantes do clube pasarán de 31 a 34. Os EUA apoiaron con forza o ingreso de Israel.
Actuación incongruente da OCDE
Os tres novos integrantes "contribuirán a unha maior pluralidade e apertura da OCDE, que desempeña un papel cada vez máis importante na arquitectura económica global", sinalou nnunha declaración recollida por axencias o secretario xeral do organismo, o mexicano Angel Gurría.
Gurría, durante unha visita a Israel hai tan só uns meses, expresara a súa preocupación sobre os altos niveis de pobreza e desemprego rexistrados principalmente entre as poboacións minoritarias árabes en territorio israelí. Porén, non parece ser unha eiva para o ingreso israelí ao organismo.