Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Caixa Galicia e Caixanova

Os líderes da oposición dan pleno aval político á fusión das caixas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, recibiu este martes a Manuel Vázquez e a Guillerme Vázquez para acordar posicións conxuntas ante o proceso de unión.

Redacción - 18:00 04/05/2010
Feijoo recibiunos individualmente

Feijoo recibiunos individualmente

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e os líderes do PSdeG, Manuel Vázquez, e do BNG, Guillerme Vázquez, chegaron este martes a un acordo para garantir o "aval" político á fusión "equilibrada" das caixas do país, que ten o principal escollo na repartición de poder na futura entidade.

Núñez Feijoo reuniuse durante aproximadamente unha hora co portavoz nacional da formación frontista e algo máis dunha hora e media co líder dos socialistas galegos para tentar chegar a un compromiso "político" para avalar unha "fusión equilibrada" entre Caixanova e Caixa Galicia.

Os dous Vázquez "só contemplan o escenario de fusión como único e posíbel", segundo informou o tamén presidente do PPdeG que lle transmitiran. E ao respecto da repartición de poder na hipotética entidade fusionada, sinalou que "o transitorio non debe frustrar o permanente"."O temporal son as persoas, o definitivo é que Galiza teña unha caixa solvente, a quinta española", afirmou.

Está previsto que esta cuarta feira representantes do Banco de España, da Xunta e os máximos dirixentes das caixas se reúnan na capital para abordar as reticencias que separan as entidades, sobre todo no que se refire a quen debe ter o mando.

Vázquez (PSdeG): "Botar auga xeada" sobre a situación
O secretario xeral do PSdeG mostrouse convencido de que falando "en termos ciclistas", esta reunión supón a "escapada boa", aínda que recoñeceu que hai "obstáculos". É momento de "traballar todos xuntos", dixo, para o que pediu "botar auga xeada" sobre a situación e deixar que sexan as caixas as que cheguen a un acordo sobre o reparto de poder.

Preguntado pola actitude o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, limitouse a dicir que defende o status quo da súa cidade, aínda que lle recordou que pertence a unha organización que ten un discurso sobre a fusión das caixas do país, que é o que transmite o seu líder, é dicir, el mesmo.

Vázquez (BNG) a Feijoo: "Dea un golpe na mesa"
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pediulle a Núñez Feijoo, que dea un "golpe na mesa" e que lles faga unha proposta "concreta" ás caixas sobre a repartición de poder da futura entidade fusionada, así como das sedes.

Vázquez indicou que ambos os dous concordan en demandar unha fusión "paritaria e equilibrada" entre Caixa Galicia e Caixanova, e que lle mostrou a necesidade de que se apliquen os artigos da Lei Galega de Caixas que non están recorridos polo goberno español.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: