Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á fusión das caixas

As forzas políticas ven inminente un posíbel acordo, os traballadores din que os directivos "chantaxean a sociedade"

Feijoo e Pachi Vázquez crúzanse desafíos sobre o apoio ao proceso. O BNG ve frouxa a implicación da Xunta. Os empregados ven pouca firmeza diante das disputas "polo poder".

Redacción - 18:00 29/04/2010

"Apoio sincero e incondicional". Foi a promesa deixada esta quinta feira polo secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, ao respecto do que o presidente da Xunta anunciou de posíbel "peche da fusión das caixas en 48 horas". Vázquez salientou o desafío deixado polo presidente ao respecto de que co apoio dos socialistas sería posíbel finalizar o acordo de fusión nese prazo e insistiu en que do seu partido non dependerá o hipotético fracaso. En todo caso, anunciou que no caso de que nese prazo de dous días non se cerre o pacto iniciará un programa de encontros coas cúpulas das entidades "para estimular acordos e consensos". De paso, prometeu o voto favorábel do seu partido á fusión cando o acordo sexa presentado no Parlamento sempre e cando chegue "consensuado polas entidades e avalado polo Banco de España".

O convite foi agradecido por Alberto Núñez Feijoo á saída do Consello de Goberno deste xoves, malia que ironizou ao respecto da necesidade do paso do "compromiso oral ao compromiso formal". Indicou dese xeito que é preciso que "os rexedores non sigan boicoteando a fusión" en referencia ás declaracións públicas dos alcaldes de Vigo e da Coruña.

Xustamente, o rexedor olívico, Abel Caballero, volvía cargar esta quinta feira contra Núñez Feijoo, afirmando que o presidente actúa "con frivolidade" no proceso e pedíndolle que "rectifique" e permita comezar o camiño "desde cero", comezando pola retirada da lei de caixas. De paso, insistiu Caballero en que Caixanova está en posición de "absorber" Caixa Galicia.

"Intereses bastardos", quéixase a CIG-Banca
"Firmeza". É a esixencia subliñada pola CIG ao respecto do actual proceso de negociacións arredor da fusión posíbel de Caixa Galicia e Caixanova. A federación de banca e aforros da CIG, co seu secretario nacional Clodomiro Montero á fronte, reclama que a Xunta inste os responsábeis das entidades a evitar os personalismos que están interferindo no proceso. O obxectivo: rematar co que consideran que é unha "chantaxe a toda a sociedade galega por parte dos máximos directivos" das dúas caixas de aforros.

A propia clase política é responsábel, en opinión da CIG-Banca, das complicacións do proceso. De xeito concreto, os dardos da formación sindical van cara ao PSOE, ao que acusan de non transmitir confianza sobre o sistema financeiro do país "malia ser responsábel das das dificultades que podan ter as caixas por un control deficiente por parte do anterior Conselleiro de Economía, do Ministerio de Economía e do Banco de España". Doutra banda, disparan contra a Xunta, á que acusan de "opacidade" durante a fase de negociación e de forma específica láianse de que non se fale con claridade das consecuencias laborais da fusión.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: