Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO DÍA INTERNACIONAL DA DANZA

Os profesionais da danza piden a dimisión do director de Industrias Culturais

A asociación Danza Escénica Galega denuncia que o Centro Coreográfico leva medio ano sen dirección e lamentan a “parálise institucional” da Xunta.

Redacción - 12:35 29/04/2010

“A Administración Galega está de costas á realidade dos bailaríns e coreógrafos galegos e as súas creacións”, denuncia a asociación Danza Escénica Galega (Danesga), que reúne a máis de 30 profesionais do sector. Nun comunicado, lamentan o incumprimento da promesa de escoller por concurso público o novo director ou directora do Centro Coreográfico Galego (CCG), a rebaixa das axudas ao colectivo e, en suma, a xestión da Consellaría de Cultura no eido da danza.

En consecuencia, piden a dimisión do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Xosé Carlos Fernández Fasero, e piden “unha explicación por parte de Cultura de toda a situación actual” e a publicación inmediata “dun plan para a danza que represente a maioría dos profesionais da escena galega”.


  • Reproducimos aquí o seu comunicado:

Con este escrito, DANESGA (Asociación de profesionais da danza galega), quere denunciar a situación de abandono por parte do goberno galego, tanto da danza galega, como do C.C.G. (Centro Coreográfico Galego).

A situación actual do sector da danza profesional escénica en Galicia está en auxe a pesar da falta de apoio e de interese desde o goberno da Xunta. De seguir así, este sector non poderá asumir este crecemento que vén do impulso dos anos anteriores. O crecemento do sector tradúcese en volume económico, calidade e pluralidade. Está a xerar emprego, a crear oportunidades a novas xeracións de bailaríns, coreógrafos e artistas e exporta a imaxe de Galicia fóra da comunidade. É un sector forte e competente dentro do ámbito das artes escénicas, feito avalado pola presenza de compañías galegas en festivais, obtención de premios e o apoio de institucións, compañías e profesionais do ámbito da cultura a nivel nacional e internacional.

O CCG xurde como unha institución pública cun proxecto claro para a danza feita en Galicia que colaborou incesantemente para o desenvolvemento da creación contemporánea con axentes externos como creadores, circuitos de salas e teatros, programadores, xestores culturais, centros docentes, etc.....

Pero agora a administración galega está improvisando sobre a marcha as decisións neste sector, chegando a facer encargos artísticos desde a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), a esta e outras asociacións e coreógrafos, dun xeito persoal e cunha total falla de rigor e seriedade.

Consideramos que a Administración Galega está de costas á realidade dos bailaríns e coreógrafos galegos e as súas creacións.

Por esto:

Denunciamos que a Agadic declara que non haberá unha convocatoria pública para a dirección do C.C.G. que leva desde setembro de 2009 sen dirección, cando o Sr. conselleiro de Cultura comprometeuse por escrito a que este cargo sería por concurso público antes do 15 de xaneiro de 2010.

Denunciamos que agora mesmo a construción do edificio da sede do C.C.G., corre o enorme risco de non levarse a cabo, perdendo 1.400.000 de euros que o Ministerio de Cultura outorgou ao Goberno Galego.

Denunciamos que tanto o programa de residencias de creación, o de co-producións, o centro de documentación, e o plan de formación para profesionais da danza están conxelados, co consecuente prexuízo para os creadores de danza galegos.

Denunciamos que as recentemente publicadas axudas da Agadic non se corresponden en absoluto coa realidade da danza en Galicia; un sector recentemente creado que non pode ter aínda as estruturas empresariais que teñen outros sectores artísticos galegos. Nun intento de colaborar co borrador das axudas antes da súa publicación, Danesga redactou un escrito que entregou por rexistro na Agadic, e que vistos os resultados, non se tivo en conta en ningún momento.

Denunciamos que non hai transparencia na xestión para a danza desde esta entidade administrativa e pública.

Polo tanto pedimos:

A dimisión do Director da Agadic, JC Fernández Fasero por demostrar unha mala xestión no que respecta á Danza feita en Galicia, sen respectar as súas asociacións e representantes, e negando a contribución e o apoio á realidade da creación contemporánea galega en toda a súa pluralidade.

Pedimos tamén unha explicación por parte da consellería de Cultura de toda a situación actual e a publicación inmediata dun plan para a danza que represente a maioría dos profesionais da escena galega.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: