Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Interpelación do PSdeG

Reclaman que a Xunta tome medidas para evitar a precariedade no xornalismo

Xosé Manuel Lage denunciou que máis de 300 profesionais da información perderon o seu emprego en 2009 e que o 40% carece de contratos indefinidos.

Redacción - 09:00 28/04/2010

O vice-voceiro do Grupo Parlamentario do PSdeG, Xosé Manuel Lage, reclamou que se debata no Parlamento sobre a situación laboral "dos traballadores e traballadoras nos medios de comunicación social" do país.

Nunha interpelación, Lage pregúntase "que medidas ten adoptado o Goberno" pola "difícil situación laboral" deses profesionais, lembrando que "durante o ano 2009 producíronse máis de 100 despedimentos" de xornalistas nos medios de comunicación galegos "e máis do dobre no caso de extincións de contratos".

Lage Tuñas baseouse en datos do informe do ano 2009 que elaboraron o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e mais o Sindicato de Xornalistas, onde se reflicte, ademais, que case o 40% dos profesionais ten un contrato precario, segundo lembrou o parlamentario socialista, e que polo menos "nun 30% das empresas de comunicación social non hai convenio colectivo".

Por ese motivo, fixo un chamamento á mellora desas condicións, "fundamental para o funcionamento dun sistema democrático", polo que avogou pola "existencia de medios de comunicación fortes e independentes, onde os xornalistas poidan desenvolver o seu traballo en condicións laborais dignas". Na interpelación pregúntalle ao Goberno sobre medidas que tomou ou tomará para mellorar esas condicións "e a situación económica das empresas" de comunicación do país.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: