A campaña 'A cidade que le' ten un dos seus actos destacados coa quedada este venres no Obelisco para ler en voz alta durante dous minutos.
"Todos a unha", animan desde o Concello da Coruña, convidando a cidadanía a acudir á quedada no Obelisco este venres 23 de abril, aproveitando a celebración do Día do Libro, para ler en voz alta durante dous minutos. A cita é ás 19h.
Mais a cidade acolle estes días un feixe de actividades vencelladas á animación lectora. Nesta mesma xornada, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán ten previsto ceibar dúas novelas de Emilia Pardo Bazán para participar no movemento internacional "Bookcrossing". Lembrámoslles que este xoves comezaron ademais os "Cafés Literarios", con autores e autoras da cidade polos que pasarán Xurxo Souto, Xabier P. Docampo, Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Tati Mancebo e Martin Pawley.
Feira da poesía
Outra recomendación para este sábado 24 de abril é o encontro con poetas onde o público pode ademais mercar poemas e confeccionar a súa persoal antoloxía. Será no Kiosko Alfonso e o programa de actividades inclúe un "Encontro poético" coa presenza de Francisco Xosé Fernández Naval, Estíbaliz Espinosa, Lois Diéguez, Paloma Calvo, Eduardo Estévez, Antía Otero, Xavier Seoane, Eva Veiga, Alberte Suras, Ánxeles Penas, Olga Patiño, Chelo Suárez, Begoña Paz, Xosé Abeal, Eli Ríos ou Diana Varela Puñal, entre outros. Tamén participarán ilustradores da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).