Diferentes colectivos convocan unha marcha que partirá da térmica de Meirama e rematará diante de Sogama.
Este sábado e para conmemorar o Día da Terra (que se celebrou o 22 de abril) os principais colectivos ecoloxistas do país desprazaranse até Cerceda (comarca de Ordes) para participar nunha xornada reivindicativa. Unha andaina que leva o lema de “O clima non está á venda” partirá dende a central térmica de Meirama e chegará até a incineradora de Sogama (situada a dous quilómetros da primeiras).
A marcha, que comezará ás 17 horas, fará catro paradas que escenificarán os problemas da mudanza climática e as solucións que propón o movemento ecoloxista. Ao remate do acto a escritora Teresa Moure lerá un manifesto. Dende a capital de Galiza a Cerceda partirá un autobús que fará parada ás 15:45 horas na igrexa do Pilar (a carón da Alameda).
O acto está convocado por Amarante, Amigos da Terra, Asociación cultural Lucerna (Cerceda), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP) e Verdegaia.