Os sete aspirantes contan con páxinas persoais en internet e moitos deles xa procuran novos seareiros nas redes sociais.
Internet converteuse xa nunha ferramenta fundamental da comunicación á que ningún candidato á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) quixo renunciar. As webs electorais abrollaron nos últimos días á quentura dunha campaña que se vén de iniciar e que rematará o próximo 4 de abril, coa xornada de reflexión.
Os sete candidatos contan cunha páxina persoal, con deseños que van dende a sobriedade da proposta de Xaime Gómez Márquez (jaimegomezmarquez.org) até as apostas máis complexas, como as de Laura Sánchez Piñón (eucreofuturo.org) ou Lourenzo Fernández Prieto (conlourenzo.org). A última en chegar á rede é Mercedes Brea (mercedesbrea.org), que se suma así aos demais aspirantes que presentan as súas propostas vía internet: Xoán Casares Long (juancasareslong.com), Xoán Varela Durán (jvareladuran.blogspot.com) e Pilar Bermejo (pilarbermejo.gestiondecuentas.net).
Mais a súa incursión en internet non remata aquí: tanto Casares Long, como Varela Durán, Bermejo e Fernández Prieto contan con perfil en facebook. Asemade, sumáronse ao twitter Sánchez Piñón, Pilar Bermejo e Fernández Prieto e fan a súa aposta audiovisual no youtube Varela Durán (VarelaReitor) e o propio Fernández Prieto. Doutra banda, Fernández Prieto e a ex-conselleira de Educación contan con flickr, mentres que esta última é unha dos tres candidatos que escriben as súas reflexións nos seus blogs (ademais de Pilar Bermejo e Xoán Varela).