Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Repaso de bitácoras

A Polo Ghit non está só: en catro días, máis de 1.350 seareiros no Facebook

O concurso musical galego por excelencia está máis que vivo. Mentres que xa se abriu o prazo para a recepción de traballos, a rede ferve.

Redacción - 13:00 19/04/2010

En menos de catro días, a páxina a prol de A Polo Ghit na rede social Facebook xa superou os 1.350 seareiros nunha clara demostración de que o concurso musical pega forte na rede galega. As bases xa están publicadas e en Vieiros traballamos arreo para que a festa da canción galega e en galego volva ser un éxito este verán (con ou sen apoio da radio pública). Arrancamos!!!

Referencias nos blogs

Os blogs están a reflectir a nova convocatoria de A Polo Ghit e a contar o conflito xerado pola Radio Galega ao decidir crear o seu propio concurso e desvencellarse do de Vieiros, despois de tentar rexistrar a marca. Por exemplo, o blog do cantautor Paris Joel anuncia que se presentará este ano "por solidariedade", aínda que amosara anteriormente a súa intención de non facelo "se non mudaban as cousas".

Milprimaveras tamén se fai eco da información publicada por Vieiros, igual ca Chuza. Na bitácora de Galiza Sosego reprodúcese o texto da información, do mesmo xeito ca na de Manuel L. Rodrigues.

No blog da representación da CIG na CRTVG critican a decisión da Radio Galega, considerando que é libre de non colaborar con Vieiros pero non de tentarse apropiar da marca. En Cabaret Voltaire, Santiago Jaureguízar afirma que o novo concurso da radio pública se vai perpetrar na "laretada de mesa-braseiro" da fin de semana. Para rematar, Zimmer 103 anima a participar no A Polo Ghit fronte ao ataque dos medios públicos.



5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: