A Agadic asegura que o Ministerio de Cultura rexeitou prorrogar a construción do edificio, mentres a ministra afirma que nunca existiu tal partida.
Fernández Fasero e González-Sinde
A Agadic e o Ministerio de Cultura cúlpanse mutuamente de que o Centro Coreográfico Galego (CCG) aínda non teña nova sede física. A ministra, Ángeles González-Sinde, asegurou este mércores na Coruña que non houbera ningún contacto entre as dúas administracións e negou que o seu departamento reservara partida ningunha para a construción do edificio.
Porén, a axencia galega asegurou -e demostrou documentalmente perante os medios- que solicitara formalmente a prórroga da construción o pasado 1 de marzo, e que o ministerio lla denegou o 5 de abril. O director da Agadic, Xoán Carlos Fernández Fasero, amosouse "enormemente sorprendido" polas declaracións da ministra e lamentou o seu descoñecemento por ser a encargada de conceder e de tramitar a axuda.
Anteriormente, a voceira de cultura do grupo do BNG, Ana Pontón, denunciara no Parlamento que, pola falta de intervención da Agadic, era "máis que probábel" que se perdesen os fondos do convenio co Ministerio de Cultura para a construción da nova sede do CCG, cifrados en 1,4 millóns de euros.