Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
R en venda

Deixará escapar Galiza "unha aposta de país"?

Diversos actores de referencia no sector TIC galego reflexionan para Vieiros sobre as implicacións do posíbel paso de R a capital foráneo.

R. Noguerol - 08:10 08/04/2010
Tags: R TIC

"R é un bombón, e como tal moi atractivo para calquera no sector, e se alguén o come e ese alguén non é galego... mal negocio para o país". Así o subliña o escritor e articulista Xavier Alcalá, enxeñeiro de telecomunicacións e director da Oficina de Proxectos Internacionais de I+D+i. Para Antonio Pérez Casas, quen foi cerebro coordinador atrás do primeiro Plan Galego para a Sociedade da Información (o PEGSI), é dubidoso que unha empresa de capital foráneo tivese ocupado o espazo e despregado a estratexia que despregou R: "A política empresarial a longo prazo de R coincidiu cos intereses sociais e económicos do país", sinala. Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG), láiase de que a perda do centro de decisión dun referente no eido TIC demostraría unha importante eiva na capacidade do tecido produtivo e administracións de apostar polo sector chamado a pilotar un novo modelo económico. Víctor López, presidente de Eganet, lamenta a incerteza que crearía o feito de que os órganos de decisión e a capacidade de innovación e investimento da empresa pasen a estar rexidos por xente "que non coñeza de primeira man o territorio". Marcus Fernández, subdirector de Código Cero, publicación de referencia no eido tecnolóxico, resume: "R é todo un exemplo a seguir".

A coincidencia de estratexia empresarial coa estratexia de país
Para Xavier Alcalá está claro que se acaba confirmándose que a empresa galega de telecomunicacións pasa a mans foráneas será un exemplo máis da negativa tendencia acontecida noutros sectores onde empresas de referencia foron tamén absorbidas ou vendidas trasladándose os seus centros de decisión lonxe de Galiza. "Está en xogo novamente demostrarmos se Galiza é capaz ou non de defender o seu", advirte Alcalá.

Nos mesmos termos o xulga Fernando Suárez, advertindo do "contrasentido" que teñen os movementos económicos que poden levar á venda da empresa. Suárez chama a atención sobre o paradoxo de estarmos asistindo por unha banda a un debate onde semella haber consenso sobre a necesidade de que as caixas de aforro manteñan os seus centros de decisión en Galiza ao tempo que, como efecto colateral, poidamos asistir á indiferenza fronte ao feito de que unha empresa de referencia vexa trasladado ese centro de decisión.

"Vímolo outras veces no sector TIC: empresas que invisten non onde é máis necesario senón onde a rendabilidade se espera que sexa maior e máis rápida", opina Pérez Casas. Recordando o que, por exemplo, aconteceu coa extensión das redes de telefonía móbil, ao seu entender, Galiza estaba "condenada" a acceder "outra vez en último lugar" a servizos básicos. Criterios socioeconómicos ou a propia dispersión xeográfica terían freado o despregue da fibra óptica de non ter sido pilotada por unha empresa "de capital galego" que tivese claro que a súa estratexia debía pasar por crear "novas formas de facer negocio e expansión no territorio".

Sobre a hipotética venda pregúntase Marcus Fernández sobre os motivos que poidan argumentarse para vender agora R. Lembra Marcus que a nivel estatal as empresas de fibra óptica sufriron dun acelerado proceso de absorción que deixou apenas a galega e a vasca como actores independentes nas súas respectivas comunidades autónomas. Nese contexto, a solidez dos números e a rendabilidade demostrou ser un aval para que R permanecese nas mans de capital galego. Dado que esa rendabilidade e o potencial permanece, coinciden os expertos consultados por Vieiros en dubidar sobre a necesidade de que R cambie agora de mans.

Un proxecto que chegou tarde pero que se consolidou en tempo récord
"Tiña que ter estado funcionando quince anos antes, pero é un exemplo de libro do que é un caso de éxito no sector", debulla Xavier Alcalá. O profesor ferrolán recorda que o propio despregue das redes de cabo no Estado español topou co atranco político estabelecido desde o executivo estatal. Alcalá atribúelle ao ex ministro Borrell a responsabilidade no seu momento de frear a introdución da fibra óptica debido ao estreito vencello da administración con Telefónica, a empresa monopolística no sector das telecomunicacións. Nesta conxuntura R chegou tarde para axudar a corrixir a fenda dixital do país, mais demostrou unha extraordinaria "vontade de avanzar" e froito dunha exitosa xestión axiña chimpou ao máis alto.

"De ir sempre por tras, Galiza pasa a ter unha empresa de referencia a nivel europeo no sector", valora Fernando Suárez, para quen a aparición no escenario de R supón un "salto cualitativo" decisivo para o país. Nesa liña, Marcus Fernández pon o acento no valor que para Galiza supón pasar a ter unha operadora no eido das comunicacións que deseña a súa estratexia desde un criterio de proximidade, que achega tecnoloxía punteira de banda larga e que mesmo ofrece atención ao público na lingua do país.

Frouxo impacto a curto prazo pero pau estratéxico cara ao futuro
"Só unha empresa de capital galego e que quixese facer unha aposta a longo prazo tería mantido a estratexia de R", avisa Pérez Casas, chamando a atención ademais sobre o feito de que sexa un grupo xestor de capital risco o que poida asumir o seu control a partir de agora. "Ese tipo de grupos planifican na procura do máximo beneficio no curto prazo", afirma, agoirando que o desenvolvemento de novas infraestruturas e os investimentos a longo prazo no sector con seguridade quedarían paralizados.

"O futuro de R está garantido", afirma Víctor López ao respecto do curto prazo. A condición da empresa de operador "autóctono" non poría en perigo de desmantelamento a compañía, segundo analiza. "Desde o punto de vista da prestación de servizos non hai risco", comenta López, indicando que a empresa ten claro "onde están e quen son os seus clientes". Outra cuestión sería, apunta o presidente de Eganet, que os plans dos novos propietarios fosen aproveitar a empresa como plataforma para a captación de novos mercados fóra de Galiza. Nesa liña, Marcus Fernández tamén considera que se ben non afectará de xeito decisivo e a curto prazo ao conxunto do sector, "toda vez que R tampouco fixo grandes apostas tecnolóxicas fóra do seu negocio", si implica unha perda significativa pola súa condición de referente. O subdirector de Código Cero agoira que esa perda do centro de decisión da empresa pode implicar impacto negativo a moitos niveis para a sociedade galega non só polas posíbeis consecuencias a nivel laboral para o actual cadro de traballadores, senón tamén pola propia desaparición dun actor de referencia nos mercados.

Referencia e inspiración e capacidade de arrastre para o sector
"Foi unha aposta de país", valora Alcalá, recordando ademais as axudas públicas que ao longo do tempo tamén inxectou a administración en beneficio da empresa e avaliando que R estaría na actualidade entre as empresas punteiras do sector a nivel da Unión Europea tanto pola súa xestión, como polas tecnoloxías despregadas.

Galiza avanzou paseniño no recorte da fenda dixital respecto á media estatal e europea. Un avance que é máis significativo nos contornos urbanos do país e onde R demostrou ser actor clave. Víctor López subliña o positivo punto de inflexión que R implicou para o sector TIC, tanto para a cidadanía en xeral como para as empresas. Na súa opinión, empresas como as que forman parte de Eganet poden despregar e deseñar produtos de maior valor engadido que espreman toda a capacidade e largo de banda que, en Galiza, R "demostrou ser capaz de ofrecer". "Coa súa oferta e o despregue da súa infraestrutura, é capaz de fornecer un servizo que cumpre tamén cos máis elevados requirimentos técnicos", sinala Víctor López. Para Fernando Suárez, isto demostra que o desenvolvemento do proxecto empresarial "cumpriu coas expectativas xeradas". Segundo avalía, o crecemento e a positiva avaliación dos consumidores son indicadores de que o proxecto conseguiu axiña fornecer un servizo de calidade e competitivo no seu sector. A condición de "inspiración" e "referente" son tamén faragullas destacadas por Marcus Fernández.

Pérez Casas valora ademais moi positivamente a "aposta arriscada" que a empresa foi capaz de facer en prol do galego e a capacidade de innovación a todos os niveis. "Demostraron coñecer o territorio onde se actúa e estar constantemente innovando", explica. "R é unha das pezas importantes do motor de crecemento do sector TIC en Galiza", resume.


4,96/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: