A candidata máis crítica co anterior mandato adianta que traballará na internacionalización da docencia e da investigación, que mellorará o plan de financiamento e que implicará ao estudantado.
Pilar Bermejo aposta por facer partícipes na USC a alumnos e persoal administrativo
"É necesario un cambio grande e radical no xeito de gobernar esta universidade". Así se presentou Pilar Bermejo (Santiago de Compostela, 1956) como candidata á reitoría da USC. Sen dúbida a máis crítica co que podería ser o seu antecesor, Senén Barro, a catedrática de Química Analítica defende unha "xestión aberta e integradora", coa que quere convencer a toda a comunidade universitaria. "A USC perdeu o rumbo nalgúns aspectos", di, "algunhas decisións estratéxicas non foron o suficientemente dialogadas e consensuadas".
En cinco puntos, detalla a Vieiros (ver vídeo) cales serán os seus cinco principais retos de acadar o asento de San Xerome: traballar intensamente para conseguir un plan de financiamento baseado na suficiencia estábel e financeira; profundar na internacionalización tanto na docencia como na investigación; estimular a participación do colectivo estudantil; reformar a Administración e a Xestión universitaria; e facer que haxa un equilibrio mutuo entre USC e sociedade.
Ao tempo que considerou que a maioría dos aspirantes "non presentan proxectos novidosos", Bermejo cre que a proliferación de candidatos se explica polo descontento xeneralizado estendido entre a comunidade universitaria, contra o que pretende rebelarse. Finalmente, non descarta posíbeis alianzas nunha máis que probábel segunda volta: "non estamos pechados a ninguén", di, "somos unha candidatura aberta, participativa e de integración".
Outros candidatos: